Comarcas

As Neves recupera os excesos pagados na factura da electricidade

luz

Tras facer un estudo da facturación eléctrica municipal dos últimos anos, o Concello de As Neves anunciou que conseguiu a devolución dos cartos aboados erradamente en diferentes facturas de electricidade.

Despois de presentar unha reclamación perante o Instituto Galego de Consumo, o Goberno municipal anunciou que acaba de recuperar case 31.000 euros que se corresponden cunha facturación errónea feita pola compañía eléctrica Gas Natural Sur S.D.G. S.A. entre o 7 de abril de 2011 e o 2 de abril de 2013 nas subministracións coa tarifa de acceso 2.0DHA.

Os erros, detectados tras realizar un estudo de toda a facturación eléctrica do Concello, inclúen diferenzas entre o criterio de facturación aplicado pola compañía e o criterio oficial, marcado polo artigo 9.3 do R.D. 1164/2001 e posteriormente ratificado no informe sobre a facturación eléctrica do termo da enerxía reactiva, publicado pola Comisión Nacional de Enerxía (CNE) en maio de 2013.

Entre as diferenzas analizadas, atópanse a porcentaxe de consumo de enerxía reactiva respecto da enerxía activa sobre o cal se aplica o termo de facturación de enerxía reactiva, a porcentaxe de activa a deducir da facturación eléctrica e os períodos sobre os que se aplica (como é o caso dos períodos con tarifa nocturna).

A contía a reclamar foi de case 21.000 euros aos que houbo que engadir o Imposto Especial sobre Electricidade, o IVE e os xuros correspondentes.

También te puede interesar