Deportes Destacados

O Hospital Álvaro Cunqueiro organiza a súa primeira andaina biosaudable

cartel senda biosaudable trz v2No marco de actividades para conmemorar o primeiro aniversario do Hospital Álvaro Cunqueiro, este martes 28 de xuño organízase en colaboración coa Asociación de Veciño de Beade a primeira edición dunha andaina biosaudable pola senda do río Barxa, que circunvala ao hospital.

Será unha actividade aberta, na que está invitada a participar toda a cidadanía. Neste paseo participará o ciclista Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia 2006, así como o xefe do Servizo de Cardioloxía do Chuvi, Andrés Íñiguez, ou a xefa do servizo do centro de saúde de Beiramar, Susana Aldecoa.

Trátase dunha ruta de baixa dificultade, duns dous quilómetros e cunha duración de menos de 30 minutos. A andaina sairá ás 10.30 horas da explanada da fachada sur do hospital, próxima á rotonda de Urxencias, e recoméndase aos participantes levar roupa e calzado cómodos.

O obxectivo é promover o deporte e a vida sá para concienciar á cidadanía da importancia de realizar exercicio moderado, sensibilizar á poboación de que dispón un hospital integrado na sociedade e dar a coñecer unha nova ruta de sendeirismo na contorna do centro hospitalario.

Ao final do percorrido un equipo de profesionais sanitarios realizarán probas antropométricas aos participantes que o desexen para medir a súa condición física.

También te puede interesar