Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Folga na concesionaria de ambulancias do transporte urxente do 061 os días 21 e 23 de xuño

AmbulanciaA FGAMT-CIG anunciou este luns, en rolda de prensa, a convocatoria de folga, para os días 21 e 23 de xuño, en Ambuibérica, empresa concesionaria do servizo de transporte sanitario urxente do 061. Unha folga en demanda do cumprimento do convenio colectivo e para denunciar a “falta de persoal, o exceso de horas, salarios por debaixo do que contempla o convenio e falta de limpeza e desinfección da uniformidade”.

Os responsables sindicais anunciaron, ademáis, que están previstas mobilizacións, coincidindo coa primeira xornada de folga –o 21 de xuño-, en Vigo e Compostela e unha mobilización nacional, por concretar, o día 23.

Os representantes dos traballadores responsabilizaron da situación na que se atopa o persoal de Ambuibérica, por unha banda á propia empresa e, pola outra, ao Goberno de Galicia, do que dependen tanto a consellaría de Sanidade como o 061 que “son quen teñen que garantir que se cumpran as condicións laborais e a prestación do servizo coa maior calidade posíbel”.

A CIG lembra que Ambuibérica é hoxe a concesionaria con maior peso en Galicia no servizo de transporte urxente. Un peso que aínda se incrementará cando se faga pública a concesión dos servizos programados non urxentes. “Estaba previsto que se abrira onte o sobre, pero consideraron que se estaba politizando e decidiron adialo. Porén, Ambuibérica xa ten 18 ambulancias aparcadas en Santiago, así que estamos seguros de que será a concesionaria que gañe o concurso”.

Para o sindicato, os incumprimentos do convenio por parte de Ambuibérica non teñen xustificación algunha. Entende que se hai empresas pequenas que poden cumprir, como Ambupadrón ou Casablanca, con máis razón unha empresa do tamaño desta.

A central lembra que esta empresa “foi condenada a pagar 37 millóns de euros por non subrogar ao persoal en Castela-A Mancha; a unha multa de 300.000 €, en Aragón, por facturar viaxes falsas, algunhas delas mesmo a persoas falecidas; que foi condenada en Cantabria por represión sindical e que tamén tivo problemas en Navarra e no País Vasco”.

No caso das concesións que ten en Galiza, a CIG sinala que Ambuibérica gañou os concursos porque “aquí fixeron rebaixa nos lotes aos que se presentaron e agora queren que paguen as traballadoras e  traballadores”. A isto engadiu que a empresa xa sabía que tiña que incluír entre os seus gastos o gasoil, o material funxíbel e os custos salariais e cuestionou que se intenten xustificar os incumprimentos en materia laboral, porque non dan os cartos.

Ademais denunciou que a maioría das novas contratacións que se están facendo son en prácticas, con salarios dun 60 ou 75% dos regulados en convenio. “Estanse precarizando as condicións laborais da xente e hai traballadores que facendo as mesmas xornadas que os outros cobran só 700 ou 800€. Nós non dicimos que non se fagan contratos en prácticas, pero si que se regulen e limiten”.

También te puede interesar