Cultura

Os Festivais Rías Baixas viaxan en tren a Portugal

festival grupo

A música viaxa en tren. Será co ‘Atlántico Express. Viaxando cos Festivais Rías Baixas’, unha actuación coa que a Deputación de Pontevedra quere promocionar os sete festivais de música que se celebran ao longo deste verán nas Rías Baixas e coa que se pretende impulsar unha imaxe moderna, diferente e vangardista da provincia.

festivalUnha acción promocional que consistirá nunha viaxe en tren dende Vigo a Oporto no que haberá música e degustacións de produtos das Rías Baixas. O tren sairá de Guixar o sábado 4 de xuño (09.05 horas) e a viaxe estará amenizada pola música en directo de Best Boy.

Máis música en directo e comida da terra no acto promocional en Portugal ante xornalistas e turoperadores lusos e as actuacións de Glochenwise e Su Garrido Pombo á volta, prevista ás 19.00 h, hora portuguesa.

Sete festivais unidos pero independentes

Tratase “dun evento diferente” pensado para unir ambas ribeiras do Miño e sumar sinerxías con citas importantes de Portugal, como Milhoes Fest, Amplifest e Serralves. Con estes sete festivais reunidos por primeira vez baixo o mesmo paraugas trátase de impulsar unha imaxe innovadora, moderna, diferente, vangardista e auténtica da provincia de Pontevedra e búscase a profesionalización dos festivais.

Son Cultura Quente (24 e 25 de xuño, Caldas de Reis), Atlantic Fest (1 a 3 de xullo, A Illa de Arousa),PortAmérica (15 e 16 de xullo, Nigrán), SinSal Son Estrella Galicia (22 a 24 de xullo, Redondela), SonRías (4 a 6 de agosto, Bueu), O Marisquiño (12 a 14 de agosto, Vigo) e Revenidas (19 a 21 de agosto, Vilagarcía de Arousa), festivais que a Deputación de Pontevedra venderá na campaña ‘Fesitvais Rías Baixas, sete cita que non deberás perder’.

Con esta iniciativa preténdese converter ás Rías Baixas en punto de referencia nacional no campo dos festivais musicais, nunha provincia con vida cultural propia, orixinal, diversa e cunha ampla oferta turística. Trátase “dunha das ofertas máis completas de Galicia e pioneira a nivel nacional, ao ofertar un paquete turístico equilibrado de ocio e cultura moi vinculado ao territorio”, como explicou Julio Gómez, portavoz dos sete festivais.

 

 

 

También te puede interesar