RGPD - Cookies

barcos robotizados

A finais deste verán a costa galega será o campo de probas para o prototipo dun barco autónomo robotizado pioneiro no mundo. Detrás deste proxecto, coñecido como Ulises, está Industrias Ferri como promotor principal, xunto coa Universidade de Vigo e o CIMNE, Centro Internacional de Métodos Numéricos en Ingeniería. Trátase dunha iniciativa conxunta que permitiu desenvolver a tecnoloxía necesaria para converter calquera embarcación nun barco autónomo robotizado, que pode navegar sen necesidade de tripulación.

Cun orzamento global de 1.581.000 euros, o proxecto arrancou en 2014 e rematarase en 2017 e forma parte do Programa Estatal de Investigación, Desarrollo e Innovación Orientada a los Retos de la Sociedad. Co prototipo xa a punto, agora resta integrar nel toda a tecnoloxía para que nos vindeiros meses se faga a a botadura inaugural e, de aí en diante, facer as probas precisas para corrixir e mellorar os sistemas.

barcos robotizados 02Por parte da Universidade de Vigo, están implicados neste proxecto cinco investigadores do Grupo de Deseño e Automatización de Sistemas Avanzados (DASA), liderado polo profesor Fernando Vázquez. Ricardo Samaniego é un deles e explica que “a finalidade de Ulises non é prototipar un barco, senón unha tecnoloxía que pode ser implementada en calquera embarcación, non fai falta construír unha ad hoc, pódese adaptar calquera, dende un petroleiro ata unha lancha”. Esta é unha das principais vantaxes deste proxecto que está enfocado a tarefas de vixilancia, por exemplo, en campos petrolíferos, campos eólicos offshore ou para prevención de furtivismo, inmigración ilegal, etc.

Como é Ulises?

O barco autónomo conta cun láser en 3D similar ao que emprega o coche de Google para recoñecer a contorna e evitar obstáculos e está integrado con cartas náuticas para ter o perfil das costa, rochas, baixíos, zonas de navegación prohibida, etc. Con toda esta tecnoloxía desenvolveron un sistema de posicionamento máis moderno que se une ao resto do equipamento como un sistema de cálculo de rutas; un sistema de seguimento; un de navegación reactiva que permite reaccionar ante obstáculos inesperados como un barco en ruta ou unha batea. O máis avanzado e innovador deste barco é, por unha banda, o sistema de cálculo de rutas e, por outra o sistema de navegación que cumpre o RIPA, regulamento internacional de prevención de abordaxes.

 

También te puede interesar