Ciencia y Tecnología Vigo al día

Deseñan un radar capaz de detectar a vulnerabilidade de barcos, submarinos e avións

radar entrega

Tras varios anos de colaboración, a Universidade de Vigo entregou este mes á Armada un radar capaz de detectar a vulnerabilidade de barcos, submarinos e avións ante ameazas externas e que facilita a adopción de medidas que os fagan menos detectables. Bautizado co nome de DIAR, o novo sistema, deseñado polo grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, permite obter medidas da capacidade dos buques para ser detectados polo radar.

A principal novidade deste aparello é que a composición do equipo é modular, o que significa que se poden substituír distintos elementos e seguirá funcionando igual ou mellor, o que permite ampliar capacidades. Ademais, os módulos dos que se compón o equipo están dispoñibles no mercado, o que abarata de xeito considerable o mantemento.

Corrixe puntos débiles e amplía capacidades

O obxectivo do programa era obter a capacidade de realizar medidas coa precisión suficiente para permitir a identificación individual dos elementos do buque máis facilmente detectables e facelo a unha velocidade que evite ter ao barco na zona de medidas moito tempo.

O DIAR permite a toma de datos en numerosas frecuencias simultaneamente e reduce o tempo de medida a pouco máis dunha hora. A calidade dos datos obtidos permite a identificación en tempo récord dos elementos do buque que máis eco radar presentan. Estes datos permitirán ás unidades actuais facerse máis discretas e obter conclusións para deseños futuros.

O sistema permite ademais un desprazamento e despregamento moi sinxelo ao ir instalado sobre un vehículo o que lle confire unha gran versatilidade para o seu uso na proximidade das bases das unidades, podéndose deste xeito obter facilmente datos de todas as unidades de interese. Isto supón un salto xeracional sobre os sistemas que viñan utilizando para este tipo de medidas.

También te puede interesar