Cultura Destacados

Cans espanta a superstición do seu festival número 13

cans2016

Allos colgados do pescozo para espantar a mala sorte e toda superstición. Os allos son o elemento central do deseño do cartel e da camiseta do Festival de Cans, que chega á súa edición número trece coa estrea de ‘Psiconautas’, unha longametraxe de animación pensada para o público adulto dirixida por Alberto Vázquez e Pedro Riveiro e que estivo no pasado Festival de San Sebastián.

Este filme é a culminación do camiño que Alberto Vázquez iniciou coa curtametraxe ‘Birdboy’, coa que gañou en Cans en 2011, un Goya en 2012 e estivo preseleccionado para a correspondente categoría dos Óscar. En Cans repetiu Premio á Mellor Curtametraxe de Animación en 2013 con ‘Sangre de unicornio’. O festival, pola súa banda, cumpre tamén un dos seus principais obxectivos, que é ver medrar e progresar aos cineastas que pasaron por el inicialmente como curtametraxistas.

Así o indicou esta mañá o director do festival, Alfonso Pato, na presentación da imaxe gráfica e as camisetas do XIII Festival de Cans que tivo lugar na tenda do Rei Zentolo en Santiago de Compostela. Pablo Rodríguez, deseñador de Rei Zentolo e creador da imaxe, quixo destacar o elemento principal desta edición número 13: a ristra de allos como antídoto “para escorrentar todo tipo de meigallo que caiga sobre o festival”. Ademais, conta cunha ilustración de fondo que completa esta iconografía con mouchos, ferraduras, figas, morcegos e outros motivos semellantes. Así mesmo, o festival quixo renderlle unha homenaxe á señora Alicia, a súa colaboradora máis popular e de maior idade, dedicándolle a camiseta de edición especial deste ano.

Canción oficial

O Festival de Cans xa conta con canción oficial, unha versión de De Vacas do mítico tema ‘A Vannes’ da cantante gala Françoise Hardy, que no seu momento versioneara tamén Carlos Berlanga cunha adaptación dedicada ao curmán francés de Cans, o festival de Cannes. A letra da canción, baseada “nas ganas de coñecer a Luís Tosar, a Godard e a homenaxe ás nais que sempre saen en todos os primeiros proxectos seus dos fillos e fillas cineastas”. De Vacas dará un concerto o vindeiro 21 de maio dentro da programación do Cans Voulevar.

Os primeiros packs de entradas estarán á venta na tenda virtual do festival a partir do próximo luns 18 de abril.

También te puede interesar