Cultura Vigo al minuto

Vigo súmase á convocatoria feita en toda Europa contra acordo “ilegal e inmoral” da UE con Turquía e polos dereitos dos #Refuxiados

2016 03 17 CartazProtestaSolidariedadeRefuxiadosVigo.grandeOrganizacións sociais, políticas e sindicais convocan para este mércores, día 16 de marzo, ás 8 da tarde, concentracións en cidades e vilas galegas-en Vigo será diante do MARCO, en Príncipe- contra a decisión da Unión Europea de enviar as persoas refuxiadas a Turquía. Mobilizacións que están convocadas en toda Europa e ás que chaman a participar para dar resposta a estas políticas hostiles coas miles de persoas refuxiadas que pretenden confinar en Turquía.

As organizacións asinantes consideran inmoral o Acordo da UE-Turquía. É vergoñoso, ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado. Ante esta situación, instan o Goberno español a non apoiar o devandito acordo e convocan a cidadanía a concentracións cidadás o próximo 16 de marzo.

Ademáis, denuncin que a Unión Europea trata as persoas refuxiadas como moeda de cambio co Goberno de Turquía ao tempo que pon de manifesto a deterioración do proxecto europeo cun acordo que traslada a crise das persoas refuxiadas fóra das súas fronteiras.

O acordo previo adoptado o 7 de marzo polo Consello de Europa con Turquía evidencia a absoluta insensibilidade da UE e os Estados membros ante a crise humanitaria das persoas refuxiadas que arriscan a súa vida fuxindo da guerra.

“A Unión Europea, ademais de incumprir a legalidade internacional, elude a súa responsabilidade de dar resposta aos milleiros de refuxiados e refuxiadas que se amorean nas súas fronteiras, mediante un acordo con Turquía para deportar a ese país a todos os inmigrantes, económicos e tamén demandantes de asilo, que cheguen á UE a través deste país, a cambio de que os Estados membros recoloquen o mesmo número de refuxiados asentados en territorio turco”.

Segundo denuncian, a Unión Europea urdiu un plan que vulnera a especial protección que o dereito internacional lles recoñece ás persoas que demandan asilo mediante a asimilación de inmigrantes económicos e refuxiados, todos eles considerados «ilegais». Expulsarase a Turquía as persoas refuxiadas que chegaron a Europa por esta vía.

Os organizadores aseguran que a Unión Europea “comprou as devolucións a Turquía por 3.000 millóns de euros, polos custos de xestión, e 3.000 millóns adicionais en 2018, sen ningún mecanismo de control do destino do orzamento”. Este acordo ampliase ademais coa “eliminación do requisito de visado para as cidadás e cidadáns turcos en Europa a partir de xuño de 2016 e a axilización da entrada de Turquía na UE”.

Obviouse, curiosamente, que “o Goberno de Erdogan viola de forma reiterada dereitos fundamentais como a liberdade sindical, o dereito laboral, a liberdade de prensa e expresión —como o recente caso do diario Zanan, próximo á oposición ao Goberno turco, ou a masacre do pobo kurdo”.

También te puede interesar