Cultura

Arqueólogos de @depo_es fan un novo achado no xacemento do Castro de Alobre

FÍBULA CASTRO ALOBREOs traballos nas escavacións de Castro de Alobre volven a dar resultado. Só dúas semanas despois de que os arqueólogos da Deputación descubrisen un Acus Crinalis, un adorno feminino moi apreciado e frecuente entre as mulleres romanas que empregaban estes obxectos para confeccionar o seu peiteado entre os séculos IdC e IVdC, atoparon agora unha fíbula do tipo transmontano. É un artefacto duns cinco centímetros de longo e dous de alto realizada en bronce. A parte atopada é a que se corresponde co arco e o pé (onde pecha o broche), non conservando nin o peirao nin a agulla, algo común xa que son partes independentes. Está ornamentada con aneis tanto no pé como no arco.

A cronoloxía destas fíbulas abarca desde o século II a. C. ata o século I d. C, correspondéndose por tanto coa Fase III da Idade do Ferro, a cal se caracteriza por un destacado desenvolvemento da Cultura Galaica, evidenciado no desenrolo dos propios castros.

Este tipo de pezas usábanse como broches de vestir, tendo unha importancia significativa como ben de prestixio. Hai que destacar tamén que a tipoloxía transmontana é típica do Noroeste da Península Ibérica e moi frecuente nos castros galegos, como o testemuñan os numerosos achados de pezas desta natureza documentadas en todo o territorio.

A intervención arqueolóxica que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver no Castro de Alobre de Vilagarcía de Arousa, que se estenderá ata xuño, está enmarcada no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor de 18 xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra.

En concreto, as tarefas que se están a realizar en Alobre teñen por obxectivo o acondicionamento do sector visible e o seu contorno inmediato así como actuacións encamiñadas a evitar alteracións das estruturas; a consolidación e restauración dos restos exhumados; a recreación de elementos singulares; a instalación de elementos adecuados para facilitar a circulación do visitante polo xacemento, impulsando a accesibilidade; a instalación de elementos explicativos que contribúan a explicar o xacemento e a iluminación da área de intervención.

A través da escavación, se prevé a aparición de estruturas e materiais arqueolóxicos que permitirán afondar no coñecemento do xacemento do Castro de Alobre. Neste contexto, preténdese aportar datos para o mellor coñecemento das relacións comerciais da fase final da cultura castrexa no seu tránsito de cara a outras formas de ocupación do territorio nas Rías Baixas, así como comprender como a proximidade do medio marítimo e a pesca era a base da súa economía e subsistencia.

También te puede interesar