
A. Buendía | vigoalminuto
Torneiros prepara unha transformación importante. As rúas gañarán espazo para os peóns, reorganizaranse os aparcamentos e haberá novas zonas verdes. O proxecto inclúe tamén un parque acuático no Parque Alba. A renovación deste núcleo do Porriño deu este mércores un novo paso coa sinatura do convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello.
O presidente provincial, Luis López, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, formalizaron o acordo no Pazo provincial. A Deputación achegará 1,1 millóns de euros, a máxima cantidade á que podía optar o municipio na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria (Plan Extra). Os fondos cubrirán o 40% dunha actuación valorada en case 2,75 millóns de euros, que conta tamén con financiamento da Unión Europea.
Reducir o protagonismo dos vehículos e facilitar os desprazamentos a pé
O cambio máis visible estará na organización do espazo público. O proxecto pretende reducir o protagonismo dos vehículos e facilitar os desprazamentos a pé, especialmente nas zonas con maior movemento de persoas. As intervencións concentraranse na contorna dos centros educativos, o Multicentro de Torneiros e o Centro Cultural Albela, ademais da rúa B, un dos principais eixos do núcleo.
A reforma contempla a ampliación das áreas de prioridade peonil, a mellora das beirarrúas e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Tamén se delimitarán os espazos de estacionamento para adaptalos aos usos actuais e mellorarase a seguridade viaria. Ás obras sumaráselles a creación de zonas axardinadas con árbores e novo mobiliario urbano.
Un parque acuático no Parque Alba
A actuación vai máis alá da renovación das rúas. Como xa informou vigoalminuto, o proxecto foi adxudicado en maio a NAROM S.L., tras a aprobación da proposta da mesa de contratación polo Pleno municipal.
Entre as intervencións previstas figura a creación dun parque acuático no Parque Alba, unha nova instalación de lecer pensada especialmente para as familias. O plan inclúe tamén a renovación das redes de abastecemento e saneamento, a mellora da drenaxe das augas pluviais e a modernización do alumeado público con tecnoloxía LED.
O contrato establece un prazo máximo de execución de 14 meses e incorporou melloras propostas pola empresa adxudicataria por un importe próximo aos 275.000 euros.
A achega para Torneiros forma parte da segunda convocatoria do Plan Extra, que distribúe 35 millóns de euros entre 57 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes
OuTraS NoVaS
- Torneiros cambiará de arriba abaixo: máis espazo para os peóns e un parque acuático
- A primeira gran nevarada obriga a mobilizar as quitaneves
- Sánchez exigirá en Pleno que Caballero despida al teniente de alcalde Javier Pardo, por la licitación del bus
- Poderío Market trae por primera vez a Vigo más de 20 marcas de diseño independiente
- Una mujer amenaza con una navaja a un taxista en Vigo y le roba la recaudación





