
María L. García | vigoalminuto
As primeiras máquinas quitaneves da tempada xa traballan nas estradas galegas. A primeira intervención chegou esta mañá á OU-122, en Carballeda de Valdeorras, onde o operativo da Xunta tivo que retirar a neve acumulada nun tramo de cinco quilómetros, entre os puntos quilométricos 21 e 26. Os equipos espallaron tamén dúas toneladas de sal para previr a formación de placas de xeo.
A intervención non rematou coa limpeza da calzada. O persoal desprazado á zona mantén a vixilancia da estrada para controlar a evolución das condicións e actuar de novo se fose necesario.

Tamén nos Ancares, O Cebreiro, O Courel, Manzaneda ou Pena Trevinca
É a primeira saída das máquinas desta tempada de inverno 2026-2027, que comeza cun episodio de neve nas zonas de montaña de Lugo e Ourense. Os Ancares, O Cebreiro, O Courel, Manzaneda e Pena Trevinca están entre as áreas afectadas. A cota baixou ata os 900 metros e, por riba dos 1.000-1.200 metros, os espesores alcanzaron entre cinco e dez centímetros.
Antes deste episodio xa se viran caer algúns flocos o pasado 19 de novembro en Cabeza de Manzaneda, pero foi entre o 24 e o 25 cando a neve gañou extensión e intensidade. A AEMET activou avisos amarelos por neve en máis de trinta concellos.
A Xunta ten despregados máis de 350 efectivos e 200 vehículos e máquinas para facer fronte ás incidencias da vialidade invernal. O dispositivo está repartido entre os 23 centros de conservación e explotación de estradas (COEX) das catro provincias galegas.
As previsións de MeteoGalicia apuntan a unha subida progresiva da cota de neve a partir deste xoves, 26 de novembro. O episodio irá remitindo cara á fin de semana, coa recuperación das temperaturas.
Durante o xoves 26, Galicia quedará nunha situación intermedia entre altas e baixas presións, cunha fronte cálida entrando durante o día, deixando ambiente moi húmido. Con esta situación, agárdanse precipitacións febles na franxa atlántica e nas zonas altas, e ceos nubrados no resto. Os ventos soprarán do sur-suroeste, frouxos no interior, moderados no litoral. Temperaturas mínimas en lixeiro ascenso, as máximas sen demasiados cambios, con 16 graos en Vigo-con 10 de mínima-; 15 en Ferrol, A Coruña e Pontevedra; 14 en Ourense; 13 en Santiago e 11 en Lugo. O venres, día 27, unha fronte cálida pouco activa afectará a Galicia durante este día, deixando ceos con abundantes nubes e algúns orballos, máis probables na metade oeste da Comunidade. Os ventos soprarán de compoñente sur, frouxos no interior, moderados na costa. As temperaturas experimentarán un ascenso entre lixeiro e moderado con 16 graos en Vigo -12 de mínima-; 15 en Ferrol, Ourense e Pontevedra; 14 en Santiago e 12 en Lugo. |
OuTrAs NoVaS
- A primeira gran nevarada obriga a mobilizar as quitaneves
- Sánchez exigirá en Pleno que Caballero despida al teniente de alcalde Javier Pardo, por la licitación del bus
- Poderío Market trae por primera vez a Vigo más de 20 marcas de diseño independiente
- Una mujer amenaza con una navaja a un taxista en Vigo y le roba la recaudación
- Un choque múltiple entre diez vehículos en la AP-9 deja varios heridos y cortes de tráfico





