Vigo al minuto

Delegados da CIG protestan diante da Xunta en Vigo para denunciar a situación económica e laboral da comarca

CIGDelegados da CIG mobilizáronse hoxe polas rúas de Vigo e diante da delegación da Xunta na cidade para denunciar a “grave situación económica e laboral que padece a bisbarra”. Previamente, os representantes sindicais participaron na primeira das asembleas previas ao 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, que van ter lugar en todas as comarcas do país.

Alberte Gonçalves, secretario comarcal, debullou a difícil situación económica e social, fronte á cal puxo en valor a acción sindical da CIG como “primeira central da comarca” e principal axente mobilizador. Xesús Seixo, secretario xeral, salientou os principais eixos da campaña da CIG de cara ao 10 de marzo, reivindicando a retirada das reformas laborais, da “lei mordaza” e maila necesidade da soberanía nacional para reactivar a economía do país ao servizo da clase traballadora.

A militancia da CIG rematou a xornada concentrándose diante da delegación da Xunta en Vigo, despois dunha manifestación polas rúas da cidade. Alberte Gonçalves, que se dirixiu alí ás e aos presentes, esixiu por segunda vez unha reunión co delegado da institución autonómica para plantexarlle as reivindicacións que a CIG ten para esta comarca.

También te puede interesar