Comarcas Vigo al minuto

A alcaldesa do Porriño impulsa co CTAG a formación de parados para a súa integración laboral na industria do automóbil

CTAGA alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada polo concelleiro de Urbanismo e Industria, Marcelino Coto, visitou a sede do Centro Tecnolóxico do Automóbil de Galicia (CTAG) e mantivo unha xuntanza cos seus responsables, encabezados polo director desta entidade, Luis Moreno.

Eva García de la Torre tivo a oportunidade de coñecer polo miúdo os proxectos nos que traballa o CTAG, entre eles novos materiais, enxeñería mecánica, seguridade pasiva, propulsión, emisións, ergonómica, fiabilidade, instrumentación ou automatización, aplicadas á automoción. Nos distintas áreas e laboratorios desenrola a súa función un total de 440 persoas, de sete nacionalidades distintas, a meirande parte delas doutores e enxeñeiros especializados en diferentes disciplinas.

A alcaldesa tamén percorreu o novo edificio do Centro Tecnolóxico, inaugurado en 2014, e que ven de facer que o CTAG aumentase a súa superficie edificada ata os 20.000 metros cadrados, a metade do espazo total, 40.000 metros cadrados, que ocupa no Polígono Industrial de A Granxa.

Tanto Luis Moreno como Eva García de la Torre constataron as “inmellorábeis relacións” que manteñen o Concello do Porriño e o CTAG, “cunha longa historia de colaboración e interese mutuo” e abordaron novas ideas que serán beneficiosas para as dúas entidades e posibilitarán que o Centro Tecnolóxico do Automóbil poida seguir desenrolando as súas investigacións a pleno rendemento.

A alcaldesa plantexou-como ven facendo nos constantes contactos co Centro Tecnolóxico do Granito- a súa absoluta prioridade para impulsar e poñer en funcionamento a formación de persoas en paro para que adapten os seus coñecementos ás necesidades das empresas, neste caso do sector da automoción, “no que Porriño é un referente mundial”. A iniciativa ten o respaldo do CTAG que mesmo indicou que o inicio da fabricación da furgoneta K-9, na planta de PSA, suporá unha importantísima carga de traballo para o cento de empresas auxiliares de Citroën abrindo, de novo, unha saída profesional para moitas persoas.

Ademais, Eva García de la Torre, comprometeuse cos directivos do Centro Tecnolóxico a estudar a viabilidade de que o CTAG dispoña do espazo necesario para abicar un circuíto de probas de media e alta velocidade. Na actualidade, e co aumento da actividade do Centro, estas instalacións precisan de máis espazo que permita asumir o volume de encargos que ten o organismo que, como lembrou Luis Moreno, compite con entidades similares de Francia, Alemaña, Xapón ou os Estados Unidos.

También te puede interesar