Cultura

O proxecto ‘Palcos da Música’ acaba de chegar aos 100 palcos recompilados en Galicia

Palco da música en San Cibrán de Ribarteme, en As Neves/ Foto: Xosé Ceferino Castro
Palco da música en San Cibrán de Ribarteme, en As Neves/ Foto: Xosé Ceferino Castro

Logo de cinco anos de traballo, o proxecto Palcos da Música acaba de chegar aos 100 palcos recompilados en Galicia. Este traballo é unha tentativa de carácter participativo e voluntario que procura catalogar os palcos, saber onde están, en que estado se atopan e darlles visibilidade.

Cada un destes elementos inclúe fotografías, descrición, xeolocalización e mesmo datos históricos que poden ser consultados no blog do proxecto http://palcosdamusica.blogaliza.gal. A iniciativa naceu da man do arquitecto Xosé Ceferino Castro e mais do músico Félix Rodríguez, que indican que «chegados a este punto, o traballo de recompilación tennos proporcionado material suficiente como para estar realizando tamén artigos, colaboración na redacción de documentos para a conservación e proxectos de revitalización e dinamización de palcos da música». Os autores amplían desta maneira o obxectivo inicial de catalogación e como xa apuntaran ao comezo do proxecto, propoñen que «o ideal sería dinamizar e usar os palcos, mantelos en bo estado, facer deles un espazo cultural activo».

Aínda que poucas e tímidas, en Galicia existen algunhas iniciativas culturais onde os palcos funcionan como soporte. En Ourense organizáronse as Mañás no Palco, nalgúns lugares segue a usarse o día da festa para o concerto da banda de música, e houbo algunhas propostas que non chegaron a realizarse, como A Música aos Palcos, que unía música e danza nun mesmo espectáculo. En Portugal o interese polos «coretos» é grande e as iniciativas variadas, dende programar concertos ata propolos como espazos wi-fi.

O avance do proxecto de Palcos da Música vese dificultado pola localización dos palcos que aínda restan na xeografía galega, polo que os promotores da iniciativa chaman á colaboración do público, que pode facer as súas achegas no correo [email protected]. Xa son varios os voluntarios que axudan aportando fotografías, datos ou localizacións dos palcos.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.