Vigo al minuto

A Marea informará aos veciños de Vigo sobre o seu dereito a reclamar o que pagaron de máis no IBI coa anulación do Plan Xeral

IMG_20151201_104428A Marea de Vigo creará un grupo de traballo, integrado por economistas, arquitectos, urbanistas, membros de asociacións locais e representantes da cidadanía para estudar as bases do novo Plan Xeral de Vigo, logo da sentencia do Tribunal Supremo que declarou nulo o de 2008.

O voceiro da Marea, Rubén Pérez, adiantou que ademáis, o seu grupo informará aos cidadáns sobre o dereito que teñen a reclamar as cantidades que se lles cobraron de máis no Imposto de Bens Inmobles (IBI), a popular ‘contribución’, logo da anulación do Plan Xeral. Esta cantidade, a xuizo de A Marea, terá un impacto considerable nos orzamentos municipais de 2016, “como xa sucedeu noutras cidades do Estado, como León ou Alacante, nas que tamén se anulara o Plan Xeral, e que tiveron que afrontar pagos polo cobro de máis da contribución, logo das reclamacións, moitas delas xudiciais, interpostas polos veciños”.

A Marea repetiu que é preciso redactar un novo Plan e que, “en contra do que se di dende o goberno local”, non bastará con retocar o anulado. Neste senso, Pérez advertiu que o seu grupo non consentirá que se legalicen actuacións urbanísticas ilegais, como as ‘Torres de García Barbón’ e esixirá o cumplimento das sentenzas, mesmo as de derrubo.

Á vista destas circunstancias, A Marea espera que no Pleno Extraordinario convocado para o vindeiro día 22, o goberno local presente un informe no que se detalle o impacto económico da anulación do Plan Xeral, e alerta de que a incidencia do cobro da ‘contribución’, calculado nos orzamentos nuns 60 millóns de euros na partida de ingresos, “non vai ser menor” e que terá incidencia na situación económica do Concello, como xa sucedeu noutras cidades que tiveron que afrontar situacións semellantes.

También te puede interesar