Vigo al minuto

A CIG convoca, para este venres, unha marcha a pé, de Redondela a Vigo, contra a precariedade laboral

2015 11 04 PanfletoMarchaEmpregoRedondelaVigo01O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto aos responsábeis das federacións de Industria, Costrución, Servizos e Banca para explicar os detalles dunha mobilización que arrincará da Alameda de Redondela este venres, ás 9 e media da mañá e rematará arredor da 1 e media da tarde, diante da delegación da Xunta en Vigo tras percorrer a pé a distancia entre as dúas localidades.

Dende a central inciden en que o obxectivo desta acción é dar resposta, en chave mobilizadora e de protesta, á grave situación laboral e social que padece a comarca. “Continuamos a sufrir un elevadísimo nivel de desemprego, que na realidade atinxiría a preto de 80.000 persoas, moi por enriba das estatísticas oficiais, que falan de 60.000”, sosteñen. Ademais, alertan de que prosegue o esmorecemento das principais actividades produtivas (naval, automoción, construción, etc.), “que lonxe de se recuperaren avanzan cara a desertización industrial”.

Así, os datos amosan que se crea moi pouco emprego, que ademais é estacional e precario. “Hai máis de 14.000 persoas ocupadas menos que en 2009 e un de cada catro traballadores ten un emprego precario, aínda que a situación agrávase coa emigración constante da xente nova en busca dun futuro laboral”.

A CIG lembra que cada día se endurecen as condicións laborais, aumentando cargas e ritmos de traballo, alongando as xornadas e cunha continuada baixada dos salarios. Máis do 90% dos contratos que se asinan son temporais, moitos deles a tempo parcial, mesmo por unhas poucas horas. Unha situación que se agrava polo bloqueo das negociacións dos convenios colectivos como consecuencia da actitude inmobilista do empresariado, que fai uso das reformas laborais do PSOE e do PP que desprotexeron os traballadores en beneficio da patronal.

También te puede interesar