Vigo al minuto

Ti podes axudar a que se estree en Vigo ‘Encallados’ a véspera do 13 aniversario do afundimento do Prestige

headerO 12 de novembro é a véspera do 13º cabodano do naufraxio do Prestige. Unha fatídica data que conmocionou a sociedade galega, activou o seu sentido cívico e fixo que se canalizase a raiba diante a catástrofe ecolóxica e a incompetencia política mediante a protesta, a solidaridade, a arte ou a creación colectiva.

“13 anos despois non fomos quen de espertar de todo. Quitamos o chapapote, si, pero non a sensación de fracaso colectivo como país, que segue aí de fondo impedíndonos avanzar e construir o noso propio relato”. Diso fala Encallados, o filme de Alfonso Zarauza (“Os fenómenos”) sobre o proceso creativo de intentar facer unha película sobre o Prestige.

Rodado en Compostela en branco e negro en en 16mm, e protagonizado por Xúlio Abonjo, Ricardo de Barreiro e Federico Pérez (coa colaboración especial de Luís Tosar, tamén produtor do filme), Encallados é unha ollada en clave de comedia cara a nós mesmos chea de autocrítica, melancolía e humor.

Tras unha xira por todo o país e éxitos en Madrid, Londres e Barcelona, Encallados regresa a Vigo para estrearse nos Multicines Norte grazas dun novidoso sistema, o crowdticketing, a través da plataforma Screenly. Precísanse 50 espectadores que reserven a entrada por adiantado para confirmar a proxección, o vindeiro xoves 12 de novembro ás 19:45. Ese día estará en Vigo o director da película, Alfonso Zarauza, e mais o autor da novela gráfica homónima, Marcos Vigo, que asinará exemplares para os asistentes.

A campaña remata dentro de tres días, e precisan aínda 35 reservas. Para axudar só tes que reservar as túas entradas en Screenly antes do xoves. Non se cargará o importe das mesmas ata que consigan todas as reservas necesarias e o evento se confirme, cousa que agardan se produza grazas á túa axuda.

También te puede interesar