Comarcas

Ponteareas sae á rúa contra o Cancro de mama

CARTEL_cancer_mamaO ‘Día Internacional Contra o Cancro de Mama’ terá en Ponteareas unha cita ineludible coa celebración dunha marcha solidaria coas doentes deste tipo de enfermidade. O percorrido dará comezo na Praza Maior a partir das 10 da mañá.

Ás 09:30 horas, o alcalde, Xosé Represas, abrirá oficialmente o acto, acompañado do xornalista Terio Carrera, que actuará como presentador do evento. Antes de comezar o traxecto, terá lugar un baile colectivo coa canción “Hoy todo va a salirme bien”, do grupo El Arrebato.

A organización ten confirmada a participación de máis de 1.400 alumnos e alumnas de diferentes centros educativos e clubs deportivos ponteareáns e quere convidar a todos os veciños e veciñas que o desexen a facer un percorrido de 5 quilómetros que sairá da Praza Maior pola rúa Esperanza para enlazar posteriormente coa Rúa dos Ferreiros. Acto seguido a marcha collerá a rúa de San Roque até chegar á ponte romana, na que cruzarán o río, para despois cruzar a estrada N-120 e dirixirse cara o Estadio Municipal de Pardellas polo paseo fluvial da Freixa.

En Pardellas terá lugar un pequeno almorzo e organizaranse diversos bailes grazas á colaboración dos monitores de zumba do Complexo Álvaro Pino.

O regreso á Praza Maior realizarase seguindo o mesmo percorrido pero incluirá unha pequena mudanza: os participantes entrarán á céntrica praza pola rúa de Oriente, de xeito que atravesen o arco de meta antes de acceder á Praza Maior.

Ademais do alcalde, o goberno ponteareán contará coa presenza doutros concelleiros e concelleiras nun evento solidario que disporá dun escenario e dunha carpa que servirá como punto de información e de inscrición para todos aqueles veciños e veciñas que non o fixeran previamente nos diversos centros educativos.

O prezo de inscrición é de 1 €, aínda que este feito non será un impedimento para aquelas persoas que desexen participar e non  poidan facer fronte a este pagamento.

También te puede interesar