Galicia

530.100 doses para a campaña de vacinación contra a gripe, que empeza o 19 deste mes

gripe-2015Sanidade adquiriu un total de 530.100 vacinas antigripais para a campaña deste ano 2015 que comezará o  luns, 19 de outubro, e finalizará o 19 de decembro.

Así o anunciou hoxe a directora de Innovación e Xestión da Saúde Pública nunha rolda de prensa para presentar a campaña na que Sanidade vén de investir 1.898.104 €.

O obxectivo xeral desta iniciativa é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. Doutra banda, como obxectivos específicos, están a acadar unha cobertura vacinal do 65% entre a poboación maior de 65 anos e, ao igual que o ano pasado, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, xa que ademais do beneficio individual para os profesionais redúcense as posibilidades de transmitir a enfermidade ás persoas que coidan ou atenden. Así, entre os traballadores de atención primaria e especializada o obxectivo de cobertura é do 35%.

Organización da campaña

Utilizaranse dúas vacinas, unha para poboación xeral, e outra indicada en poboación maior de 75 anos ou que viven en residencias. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. Ademais, aínda que afecta a moi pouca xente, haberá tamén unha vacina específica para as persoas con alerxia severa ao ovo.

Galicia conta con máis de 900 puntos totais de vacinación, entre os que se atopan centros de saúde e consultorios; centros hospitalarios públicos; os hospitais, centros médicos e consultas médicas privados; residencias e centros para a terceira idade de titularidade pública ou privada; unidades asistenciais de drogodependencias; centros penitenciarios; e centros de atención a discapacitados.

Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de como e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.

Novidade da campaña

Como novidade, Sanidade porá en marcha unha web coa información tanto para profesionais sanitarios con información técnica e de xestión, como aspectos prácticos para a cidadanía.

Sanidade lembra á cidadanía que a vacinación durará máis de oito semanas e hai tempo suficiente para facela progresivamente. Por isto, desde a Consellería solicítase á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.

Por último, no que atinxe aos resultados de vacinación na campaña do pasado ano, nela administráronse un total de 463.300 doses antigripais, acadando unha cobertura entre a poboación maior de 65 anos do 52,4%.

También te puede interesar