O persoal de Althenia, nova concesionaria do servizo de limpeza de zonas verdes de Vigo dende o pasado 1 de setembro, accedeu ás dependencias municipais arredor da 1 da tarde coa intención de manter un encontro co edil de Parques e Xardíns, Ángel Rivas, que segundo lles comunicaron non se atopaba no edificio.
Foi entón cando decidiron iniciar o peche, que se prolongou até as 4 e media, unha vez que a Policía Local ameazou con sancionalos “por orde da Alcaldía en base á ‘Lei Mordaza’ aprobada recentemente polo PP”. Pero antes lograron o seu obxectivo, xa que o concelleiro confirmou que o luns ás 9 da mañá recibirá a tres representantes do comité.
Con todo, os operarios decidiron trasladar as protestas á Praza do Rei, onde instalaron tendas de campaña nas que teñen pensado permanecer as 24 horas do día cando menos até o luns.