Vigo al minuto

Dende o luns,trasládanse 187 enfermos ao novo hospital, o xoves pecha o Xeral e o venres so haberá Urxencias no Álvaro Cunqueiro

Urxencias Álvaro CunqueiroFotografías: Tresyuno Comunicación/O próximo luns día 21 reanúdase a última fase do traslado dos servizos asistenciais ao hospital Álvaro Cunqueiro, polo que a vindeira semana os profesionais do novo hospital público de Vigo realizarán as primeiras intervencións cirúrxicas, asistirán aos primeiros partos, e atenderán as primeiras urxencias hospitalarias.

Estas manifestacións realizounas hoxe o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Félix Rubial, no transcurso dunha rolda de prensa, na que estivo acompañado pola directora de Procesos Asistenciais, Mar Vélez, para explicar os detalles e os protocolos organizativos da última fase do proceso de apertura e traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Rubial informou que “a próxima semana vanse a trasladar aproximadamente uns 187 pacientes de 21 servizos e unidades do Hospital Xeral e Meixoeiro. Trátase dos pacientes hospitalizados das especialidades cirúrxicas, ademais dos ingresados na Area materno Infantil, Medicina Intensiva e Reanimación.” Para realizar os transportes se contará cunha dotación de 14 ambulancias – 10 asistenciais e 4  UVI´s móbiles.

O día anterior ao traslado se informará aos pacientes e familiares deste  procedemento. Faráselles entrega dunha nota informativa, individualizada e persoalizada, coa hora aproximada da súa saída cara ao Álvaro Cunqueiro, así como da cama asignada neste hospital, o número de habitación, e o seu emprazamento. Ademais ofertaráselle a posibilidade de ir acompañados na ambulancia por un familiar ou achegado.

Cada un dos pacientes que van ser trasladados terán un profesional da enfermaría responsable do mesmo, que estará presente durante todo o proceso, acompañándoo na saída, no transporte sanitario, e ata a mesma habitación do Álvaro Cunqueiro no que o paciente queda ingresado. Así mesmo, estableceuse un procedemento de verificación de identidade dos pacientes -mediante unha pulseira identificativa que rexistrará a súa saída e a entrada- supervisado por este profesional  responsable e polo servizo de Admisión, que farán in situ a comprobación de chegada do paciente e a confirmación do seu ingreso.

HAC habitaciónEste procedemento terá características diferenciais no caso dos pacientes ingresados en unidades de coidados intensivos (médicas, cirúrxicas e pediátricas), en cuxo traslado se redobrarán recursos e profesionais.

O protocolo establecido para os días do traslado contempla que ás 8 da mañá desa xornada, a unidade de hospitalización de destino estará operativa, co persoal preparado para recibir e reubicar aos pacientes. Os celadores baixarán as camas asignadas a cada paciente á Sala de Observación de Urxencias do Álvaro Cunqueiro, e desde alí os levarán a súa habitación.Nos hospitais de orixe, entre as 8 e media e 10, realizaránse as visitas médicas, notificaranse as altas, e confirmarase co servizo de Admisión a relación de pacientes a trasladar.

A saída dos pacientes efectuarase entre ás 10 da mañá e a 1 e media e, pola tarde, dende as 2 e media, previndo a saída dun paciente cada 5 minutos, co que o ritmo de traslado estimado é de 12 pacientes á hora.

HAC10.000 pacientes ambulatorios e 61 intervencións cirúrxicas

No transcurso da súa intervención, Rubial sinalou que o próximo martes día 22 iníciase a actividade cirúrxica programada e urxente do Álvaro Cunqueiro. Ese día estrearán os novos quirófanos os servizos de Uroloxía, Cirurxía Torácica, Cirurxía Vascular, e Otorrinolaringoloxía, que operarán a oito pacientes. Os días seguintes se irán incorporando progresivamente as distintas especialidades, de xeito que o venres estean operando  xa  11 especialidades cirúrxicas en 13 quirófanos. “O venres estaremos operando case co mesmo número de salas cirúrxicas das que dispoñemos no hospital Xeral, onde o número máximo de quirófanos programables é de 15”.-apuntou. Esa semana os cirurxiáns realizarán intervencións cirúrxicas a un total de 61 pacientes programados.

Paralelamente ao comezo da actividade cirúrxica, iniciará a súa actividade a Unidade de Reanimación e Despertar postcirúrxica do HAC, que xa estará operativa desde o día anterior, o día 21.

Ademais, esa semana xa hai citados 9.998 pacientes ambulatorios, para consulta externas e probas diagnósticas, “dato que da idea do volume de actividade que xa estase a realizar  no novo centro hospitalario”.

XeralDía 24, cese da actividade do Xeral

Un dos días máis complexos deste traslado será o próximo xoves 24, cando o servizo de Urxencias, así como toda a hospitalización do Hospital Xeral de Vigo cesará definitivamente a súa actividade. Ese día, ás 8 da mañá, pecharán as Urxencias do Xeral que se trasladarán ao Álvaro Cunqueiro. “Non obstante -engadiu Rubial- quedará un equipo médico durante ese día no Xeral, para atender aos pacientes que permanecen no servizo desde a noite anterior”.

O xerente da EOXI de Vigo tamén confirmou a apertura integral da Área materno-infantil do Álvaro Cunqueiro ese xoves, que abrangue toda a hospitalización Obstétrica e Pediátrica, os hospitais de día destas especialidades, así coma a Cirurxía pediátrica, Neonatos, UCIs pediátrica e neonatal, a Atención Temperá e outras unidades de soporte á atención infantil e maternal. “É moi probable que ese mesmo día teñamos ao primeiro bebé nacido nas novas instalacións do Álvaro Cunqueiro coincidindo co último nacemento no Hospital Xeral”-dixo.

“Polo tanto, o próximo xoves 24 de setembro marcarase nas efemérides da sanidade viguesa como o día do cese da actividade cirúrxica e de hospitalización do Hospital Xeral; o día que o Pirulí pechou as portas tras 60 anos de historia ininterrompida prestando asistencia sanitaria a poboación da área de Vigo”.

Na xornada seguinte, o venres 25, repetirase o mesmo esquema de traslado para a UCI e as Urxencias do Meixoeiro. Ás 8 da mañá pechará o servizo de Urxencias do Meixoeiro, que trasladarase, xunto á UCI e á Reanimación deste hospital, ao Álvaro Cunqueiro. Deste xeito, todas as Urxencias hospitalarias do CHUVI atenderánse nas novas dependencias unificadas do Alvaro Cunqueiro dende o vindeiro venres 25 de setembro ás 8 da mañá.

HAC VitrasaNova etapa de axuste

En conseguinte, o venres 25 de setembro dáse por rematada a primeira fase do proceso de traslado, apertura e reordenación da atención hospitalaria en Vigo, ao tempo que da comezo unha nova etapa, a denominada etapa de axuste. Nela, vaise completar o traslado do equipamento e material que ata agora daba servizo noutros centros; avanzarase nas obras que se están a acometer noutros centros para reordenar a súa actividade; trasladarase aos pacientes do Rebullón ao Nicolás Peña; e incrementarase  paulatinamente o rendemento asistencial do Álvaro Cunqueiro.

Para finalizar, Rubial tivo palabras de recordo e agradecemento para todos os profesionais que traballaron no Hospital Xeral do que dixo “a evolución deste hospital foi paralela ao  crecemento e ao ritmo de la cidade de Vigo, coa que está plenamente identificado. Este centro sanitario, ademáis de ser o maior xerador de beneficios asistenciais desta cidade, tamén o é de importantes logros sociais, xa que hoxe en día é un dos maiores creadores de emprego da área; ademais, un de cada 5 galegos naceu neste centro, sendo neste momentos o hospital galego que presenta o índice de natalidade más alto. Agora iníciase outra etapa, na que modelarase un novo Complexo Hospitalario, que xunto coa Atención primaria da área, ten que seguir dando unha resposta axeitada ás necesidades presentes e futuras da poboación de Vigo.”

También te puede interesar