Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Manifestación para denunciar os recortes no novo hospital, o 3 de setembro en Vigo

Novo hospital/Tresyuno Comunicación
Novo hospital/Tresyuno Comunicación

A Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) convoca unha manifestación contra os recortes no novo hospital e en defensa da área sanitaria para o vindeiro 3 de setembro que sairá do Xeral ás 8 da tarde.

A plataforma SOS Sanidade Pública, que apoia a mobilización, mantivo hoxe unha xuntanza cos grupos parlamentares de BNG, AGE e PSOE e con Podemos para que participen da protesta e se fagan eco das denuncias do colectivo.

Ao remate da reunión, voceiros da plataforma e das catro organizacións políticas amosaron o seu apoio á marcha e confirmaron que canalizarán no Parlamento de Galicia as denuncias formuladas polos profesionais da sanidade pública.

Todos eles denunciaron que o resultado final do novo hospital da cidade “empeora as previsións” da plataforma xa que a recén estreada infraestrutura “non vai ser capaz de atender as necesidades” dunha área sanitaria viguesa que padece un “déficit estrutural” xa que a atención primaria “segue a ter os mesmos problemas”.

Neste senso, lembraron que a área de Vigo conta coa maior lista de espera cirúrxica do país, algo que -segundo sosteñen- non vai mudar co novo centro médico, como tampouco o fará a saturación das Urxencias. Consideran que a apertura do cuarto hospital da cidade “consolida unha oportunidade perdida” xa que o centro non vai ser punteiro “nin en investigación nin en docencia”, ademais de carecer cun laboratorio central.

Os voceiros engadiron datos sobre os importantes recortes ao que foi sometido incluso o proxecto presentado polo propio PP: contará unicamente con 845 camas de hospitalización, o que supón unha rebaixa de máis do 30% das previstas. Deste xeito, a área sanitaria viguesa verá reducidas en 517 este tipo de camas, xa que tamén se eliminan no Meixoeiro e no Nicolás Peña.

O novo hospital verá mermado nun 55% o número de camas de Urxencias, mentres que a superficie destinada a este servizo rebaixase nun 25%. “A isto hai que sumar as privatizacións de servizos que quedarán en mans de Povisa”.

También te puede interesar