Galicia

Besteiro non recibiu comunicación algunha do xulgado sobre a súa citación

José Ramón Gómez Besteiro/Tresyuno Comunicación
José Ramón Gómez Besteiro/Tresyuno Comunicación

Nun comunicado remitido esta tarde polo secretario xeral dos Socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro  amosa a súa “sorpresa por ter coñecido esta decisión xudicial a través dos medios de comunicación e non ter recibido ningunha notificación por vía xudicial, o que provoca unha situación de indefensión inadmisible”.

O ex presidente da Deputación de Lugo, engade que  “é publico, e así tamén foi recollido nos medios de comunicación ao longo da última década, que todos os trámites administrativos referidos ao Garañón se axustaron estritamente á legalidade e as determinacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado polo Partido Popular en 1991. Así se puxo de manifesto en todos e cada un dos informes técnicos favorables emitidos nos distintos procedementos administrativos”.

Besteiro subliña que “xa no seu día, e por iniciativa propia, enviei ao Xulgado nº 1 de Lugo toda a documentación relativa á miña situación patrimonial, posto que era, e é, de máximo interese pola miña parte que o Xulgado teña esta información; documentación que, por outra banda, é pública, posto que consta nos rexistros de intereses da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Lugo, sendo accesible a calquera cidadán”.

Distintos medios de comunicación publicaron este xoves que o líder dos socialistas de Galicia xunto co ex alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, foron citados a declarar pola titular do Xulgado de Instrucción Número 1 de Lugo, Pilar de Lara, como imputados no marco do ‘Caso de O Garañón’, que investiga posibles delitos na concesión de licenzas para urbanizar a finca que estaba xunto ao Parque Rosalía de Castro, na capital lucense.

A xuiza fai referencia a uns feitos que se produciron hai 10 anos, cando se aprobou o convenio das Torres de O Garañón, data na que Besteiro era concelleiro de Urbanismo no goberno local.

 

También te puede interesar