“A praza entrou, por fin, no Pazo”

Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, novos alcaldes de A Coruña e Santiago/ Fotos: Twitter
Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, novos alcaldes de A Coruña e Santiago/ Fotos: Twitter

O novo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, prometeu “un tempo novo” na forma de gobernar e un concello “que deixe de ser couto privado”. Ferreiro, elixido cos  10 votos da Marea, 6 do PSOE e 1 do BNG, comprometeuse a gobernar “para todos os coruñeses e coruñesas, votasen o que votasen” e a realizar un mandato “cunha nova forma de facer política” e “cumprindo” co programa electoral da Marea Atlántica.

O novo alcalde salientou que “todo o que se decida” debe ser coñecido pola cidade, e reivindicou “a honestidade e a ética…un goberno coas paredes de cristal”.

Ferreiro animou a poñer á cidade “á cabeza da primavera democrática que atravesa Europa”. “Hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña”, engadiu lembrando que estas palabras foron empregadas por Domingo Meiriños, o primeiro alcalde que tivo a cidade coa chegada da democracia.

En Compostela, Martiño Noriega foi investido como novo alcalde con 12 votos: os 10 edís de Compostela Aberta e os 2 de BNG -os 4 do PSOE abstivéronse e os 9 do PP votaron ao seu candidato-.

O xa alcalde de Santiago- que unha hora antes entregou o bastón de mando de Teo, concello do que foi rexedor ata hoxe- pediu a toda a Corporación que sexa capaz de “apostar polas cuestións importantes da cidade, porque máis alá das dinámicas partidarias que existirán, temos que ser capaces de poñer enriba da mesa o diálogo e que iso permita a Compostela recuperar o seu prestixio e exercer como capital dun país que estea orgullosa de tela como capital“.

Noriega indicou que aspira, “con todos os erros e acertos que poida ter, a recuperar a confianza dos veciños” e “buscar outra forma de facer política contando coa cidadanía”.

No seu discurso, o novo alcalde tivo unha especial mención para Ánxel Casal, alcalde republicano e galleguista de Santiago fusilado no franquismo, ao que lembrou para “recuperar os seus valores”, e para as ‘Dos Marías’, dúas irmás compostelanas emblema da cidade, Coralia e Maruxa, tamén represaliadas

También te puede interesar