Vigo al día

A plantilla de ‘Los Telares’ denuncia que non cobra as nóminas e que non ten mercancía para vender

Los Telares en Príncipe
Los Telares en Príncipe

Os representantes dos traballadores de Los Telares veñen de convocar, para o vindeiro día 27, unha folga nas 19 tendas que esta empresa ten en Galicia, en demanda do pagamento das nóminas que a empresa adebeda ao conxunto do persoal, a ocupación efectiva de traballo e para esixir un plan de viabilidade que garanta a continuidade dos estabelecementos e dos actuais empregos.

Segundo a plantilla, dende hai anos a empresa Julián Rus Cañibano, co nome comercial de Los Telares, vén arrastrando problemas no pago puntual dos salarios e mesmo, nos últimos tres anos, realiza o ingreso das nóminas en dous prazos, un a primeiro de mes e outro cara finais do mes vencido: porén, nestes momentos ten pendente de pagar ao seu persoal o soldo de abril, así como dúas pagas extraordinarias.

Ademais, as traballadoras están altamente preocupadas polo futuro dos seus empregos, porque dende o pasado mes de decembro a empresa non aprovisiona as tendas de material, polo que non dispoñen de produto para vender os clientes. Deste xeito, as traballadoras están sen actividade e sen ocupación efectiva, producíndose ademais unha baixada considerábel da clientela e que as vendas sexan mínimas.

Pola súa banda, denuncia a plantilla, a dirección non achega ningún tipo de información sobre a situación da empresa nin explica os motivos polos que deixou de adquirir material para as tendas (unha falta de aprovisionamento que se dá nos estabelecementos galegos mais tamén nos que posúe no resto do estado).

Boa parte das traballadoras de Los Telares levan moitos anos na empresa, o que fainas sospeitar que o obxectivo da compañía é provocar perdas e facer inviábel o negocio para “xustificar deste xeito un posíbel despedimento obxectivo ou de recorte de persoal, co mínimo custe”.

También te puede interesar