Galicia

Este luns empeza a funcionar o Plan de Transporte Metropolitano de Vigo con descontos medios do 50%

BusEste luns empeza a funcionar o Plan de Transporte Metropolitano da área de Vigo, con descontos medios do 50% no custo dos desprazamentos entre 12 concellos- Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Redondela, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Pazos de Borbén- e dos mesmos con Vigo.

Segundo subliñ o Goberno de Galicia nunha nota, os vigueses  tamén se poden beneficiar deste plan nas súas viaxes aos concellos limítrofes, “aínda que, pola ausencia deste concello do Plan non se inclúen nel os transbordos gratuítos no urbano”.

O Plan de Transporte Metropolitano baséase nun sistema zonal no que os prezos das viaxes varían en función do número de saltos definidos entre o lugar de orixe e o destino da viaxe. Por exemplo, un desprazamento en transporte metropolitano desde calquera localidade do concello de Baiona ata calquera parada do concello de Vigo está catalogado como de 2 saltos, polo que o custo da viaxe será de 1,30 €, “antes da aplicación das novas tarifas asociadas ao plan, este mesmo desprazamento tiña un custo de 2,31 €. Un traballador que se desprace cada día desde Vigo ao Porriño pasará de pagar 1,64 por viaxe a 0,84 € coa tarxeta metropolitana”.

O sistema zonal permite ademais que, por exemplo, un veciño que queira desprazarse desde O Porriño a Nigrán, facendo transbordo en Vigo, deba aboar simplemente os 0,85 € do primeiro billete, “ata o de agora, esa persoa debía aboar 1,64 € pola viaxe de O Porriño a Vigo, máis 1,69 de Vigo a Nigrán, é dicir, 3.33 €”.

No caso de Vigo, o Plan de Transporte Metropolitano é ademais, intermodal, posto que inclúe autobús e transporte de ría. As 11 compañías concesionarias das liñas de transporte entre os diferentes concellos e as tres empresas navieiras que levan a cabo o transporte de ría xa adaptaron nas últimas semanas os seus mecanismos de pago para que os cidadáns poidan facer uso deste servizo.

Para acceder aos descontos do plan é necesario adquirir a tarxeta TMG, que están á venda desde o pasado xoves en 24 oficinas de Abanca, cun prezo subvencionado de 2 €. Estes dispositivos de pagamento pódense adquirir sen necesidade de ter unha conta asociada, só presentando o DNI.

Poden adquirir as tarxetas todos os cidadáns que o desexen, independentemente do concello no que estean empadroados. Funcionan como tarxetas moedeiro que deberán recargarse nas oficinas ou nos caixeiros.

“O emprego da Tarxeta de Transporte Metropolitano ofrecerá aos usuarios descontos medios do 50% nas viaxes metropolitanas. Así mesmo, os usuarios recorrentes, é dicir, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, terán unha bonificación adicional do 15% e os membros de familias numerosas obterán descontos de entre o 20% (categoría normal) e o 50% (familia numerosa especial)”.

O portal web do Transporte Metropolitano de Galicia, ofrece información precisa sobre o procedemento de recarga na rede de caixeiros electrónicos e nas oficinas desta entidade, así como unha detallada explicación do seu funcionamento e das súas vantaxes, incluíndo os cambios que supón en canto ao abaratamento das viaxes e a bonificación dos transbordos.

También te puede interesar