Destacados Vigo al minuto

O BNG pide aos vigueses que decidan en que gastar os cartos do Concello en 2027

Igrexas anuncia unha consulta cidadá sobre as contas municipais

María L. García | vigoalminuto

O BNG de Vigo vai poñer en marcha de maneira inmediata unha ‘consulta veciñal aberta’ para recoller propostas da cidadanía de cara á elaboración dos orzamentos municipais de 2027. A iniciativa incluirá contactos co tecido asociativo e permitirá que particulares, entidades e colectivos trasladen as súas demandas a través das redes sociais e do sitio web do BNG, co compromiso da formación nacionalista de formalizar esas achegas como emendas ás contas municipais.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu que o orzamento do Concello debe responder ás necesidades do conxunto da cidade e non limitarse, nas súas palabras, a ser “as contas de Abel Caballero e do Grupo Municipal Socialista”.

A formación nacionalista sitúa entre as prioridades que quere incorporar ás contas de 2027 o abandono que, segundo denuncia, sofren barrios e parroquias, así como a mellora do transporte público e o acceso á vivenda.


«Os cartos do Concello non son do alcalde»

“Os cartos do Concello non son do alcalde, son de todas as viguesas e vigueses e deben orientarse a atender as necesidades reais da cidade decidindo entre todas e todos”, afirmou Igrexas. O portavoz do BNG advertiu de que Vigo non pode volver elaborar os seus orzamentos “desde a xordeira autoritaria e en réxime de monólogo” e defendeu que a cidadanía participe na decisión sobre o destino dos recursos públicos. “Democracia é moito máis que votar cada catro anos”, subliñou.

A consulta pretende tamén servir de canle para os movementos sociais, asociacións e entidades veciñais. O BNG considera que esta participación é especialmente necesaria ante a falta de diálogo que atribúe ao Goberno local.


Máis de 160 millóns sen gastar

Xunto coa presentación da consulta, Igrexas puxo o foco na execución do orzamento municipal. Segundo os cálculos que manexa o BNG a partir dos niveis actuais de execución, o Concello podería rematar 2026 con máis de 160 millóns de euros sen gastar, unha cifra que superaría a inexecución rexistrada en 2025.

“O conto da leiteira non pode seguir sendo o modelo orzamentario de Vigo”, afirmou o portavoz nacionalista, que cualificou de “estafa política á veciñanza” deixar sen executar unha parte tan elevada dos recursos previstos.

Para Igrexas, o problema non é unicamente canto di o Concello que vai investir, senón canto acaba chegando realmente aos barrios e aos servizos públicos. “De nada serve que o alcalde presuma cada ano dos orzamentos máis altos da Historia se estes, pola súa incapacidade política, non se fan realidade en forma de investimentos, dotacións e a mellora dos servizos públicos, criticou.

O BNG reclama, por iso, unhas contas que sexan realistas e executábeis e que estean vinculadas a resultados concretos. Igrexas resumiu a posición da formación nacionalista reclamando “uns orzamentos municipais de toda a cidade e para toda a cidade”, orientados a facer de Vigo unha cidade “máis habitábel, sustentábel, xusta e igualitaria”.


OuTraS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.