RGPD - Cookies
Vigo al día

Opositores á colocación do barco de Coia, presentan no Concello unha proposta instando á conservación do buque

A Asemblea Aberta de Coia, na crenza de que a xestión do patrimonio cultural é demasiado importante para deixalo só ao abeiro de decisións políticas, “cuxas miras non van máis alá duns poucos meses ou, ao sumo, esténdese a catro anos vista”, e logo de paralizar as obras de colocación do ‘Bernardo Alfageme’ na rotonda de Alcampo, “polo gasto insultante e inmoral dunha obra nun barrio que está sufrindo con crueza as consecuencias da crise”, ven de repetir que unha glorieta non é o lugar para emprazar un ben cultural.

Por iso, subliñan que a “ idea do alcalde de emprazar o Bernardo Alfageme na rotonda de Coia semella contraproducente para a propia conservación do barco. Corrosión, deterioro por causas químicas ou microbiolóxicas, agresións antrópicas,…, son algunhas das conxunturas que deberían terse en conta a partir de hipotética instalación do barco na rotonda”.

Ante estas circunstancias, a Asemblea ven de solicitar formalmente ao Departamento de Patrimonio Histórico do Concello que “se faga pública a folla de ruta, que a corto e medio prazo, asegure a conservación do Bernardo Alfageme”. Neste documento “técnico”, insiste esta asociación, “deberían establecerse obxectivos, estratexias, temporización, orzamentos, medios técnicos e humanos co fin de controlar os posible danos sobre o barco, sinalando as medidas protectoras e correctoras que favorezan unha correcta conservación”.

Esta demanda ante ao Departamento de Patrimonio Histórico do Concello súmase á solicitude realizada ante a Consellería de Cultura da Xunta, co fin de que o barco sexa declarado Ben de Interese Cultural, “xa que pensamos que calquera decisión sobre o futuro deste ben cultural en cuestión non pode ser tomada tan á lixeira”.

 

También te puede interesar