Comarcas

Os traballadores do Diario de Pontevedra piden aos lectores que non compren o xornal mentres estén en folga

O cadro de persoal do Diario de Pontevedra, que este xoves comeza unha semana de folga para rexeitar o despedimento de 10 compañeiros, fai un chamamento aos lectores do xornal para que deixen de mercalo mentres dure un paro que podería converterse en indefinido se non hai acordo antes do día 12.

O comité de empresa compareceu en rolda de prensa para reclamar a solidariedade dos lectores do xornal e da sociedade pontevedresa en xeral mentres dure a folga dunha semana convocada contra os despedimentos.

O paro laboral, que foi decidido en asemblea cun único voto en contra, deu comezo ás 9 da mañá deste mércores e podería converterse en indefinido no caso de que as partes non cheguen a un acordo antes do día 12. Deste xeito, o cadro de persoal chama a non mercar o exemplar do Diario de Pontevedra do día seguinte, o xoves día 6, “porque non o facemos nós e anima a manter o boicot mentres dure o conflito laboral.

Dende o comité lembran que os traballadores veñen padecendo dende o 2012 recortes e conxelacións salariais e que este mesmo ano aplicóuselles un ERE temporal que supuxo unha redución de xornada do 15%. Como consecuencia deste esforzo, os propios responsábeis do Diario recoñeceron nunha xuntanza que a situación económica era mellor, “pero unha semana despois chegaron dous representantes do Grupo El Progreso, propietario do xornal, e anunciaron os despedimentos sen consultar co comité e aludindo a supostas causas obxectivas que nin sequera acreditaron”.

Diante disto, o cadro de persoal apostou de xeito abrumador -cun só voto en contra- pola convocatoria de folga e por levar a cabo mobilizacións coincidindo coas xornadas de paro. Así, fixaron concentracións diarias na Praza da Peregrina de 12.00 a 13.00 horas a partir do xoves, xa que este mércores trasladarán a protesta ás instalacións da empresa, en cuxo interior terá lugar unha nova xuntanza entre as partes a partir das 11.

A primeira destas reunións rematou sen acordo xa que a dirección só se compromete a manter a estabilidade laboral durante o ano 2015, o que resulta insuficiente para o comité. “Non nos fiamos porque non fan máis que incumpren os acordos, xa que o ERE pactárase precisamente para evitar despedimentos e agora déixano sen efecto, polo que lle pedimos entón que anulen tamén a baixada e a conxelación salarial”.

 

También te puede interesar