“Nós fomos a Suiza a traballar, non a levar cartos en negro”

Emigrantes retornados aos que a Axencia Tributaria abriu expedientes nos que lles reclama o pago do IRPF- coas correspondentes multas- volvéronse concentrar este mércores en varios concellos, nos que denunciaron o “cinismo político” ao respecto da súa situación, sobre a que os responsables públicos aseguran que van a poñer unha solución ao tempo que seguen chegando cartas de sancións para este colectivo.

“Nos fomos a Suíza fomos a traballar e a traer cartos para aquí, non fomos levar diñeiro, mentres que noutros casos o levan e os amnistían; que non queremos para nós, queremos que nos traten con xustiza”, esixiron ao tempo que indicaron que “se para eles é un deporte atacar sempre os máis débiles, verdadeiramente vai haber que botalos de aquí ou facer algo, porque isto é catastrófico”.

Os representantes das asociacións de emigrantes retornados lamentaron que “nun país con saldo vexetativo negativo”veñan a masacrar o último reduto económico e social” que queda e lembraron que “nos estamos a soster unha parte importante deste país, e Montoro non se decata”.

Estes traballadores xubilados piden que se modifique a lei 35/2006, co fin de “equiparar a tributación das pensións das persoas que emigramos” e dos que non, e que “paren os expedientes sancionadores”

Os afectados lembraron que na campaña actual da Renda fíxose unha salvedade na que se especifica que as pensións e xubilacións da emigración tamén teñen que tributar, “se iso o dixesen en 2008 evitásemonos moitos problemas e casos dramáticos desa xente que non ten eses 10.000 ou 15.000 € que lle reclaman”, ao tempo que explicaron que “con pensións de 1.000 € non aforras esas cantidades, máis aínda nas casas nas que coa xubilacións estás mantendo aos fillos, que están sen traballo, e aos netos”.

 

También te puede interesar