Billete combinado de tren e bus, por menos de 60 €, para unir os concellos costeiros galegos con Madrid e Barcelona

Renfe e a empresa de autobuses Monbus chegaron a un acordo comercial para ofrecer un billete combinado de tren máis autobús, un novo servizo que disporá de varias rutas que unirán concellos costeiros galegos con Madrid ou Barcelona.

O acordo permitirá unir Sanxenxo, O Grove, Cangas, Bueu, Fisterra, Muros en autobús ata Pontevedra, Vigo e Santiago, onde os viaxeiros collerán un tren con destino Madrid, Madrid-Alicante ou Barcelona e viceversa; así como as cidades das paradas intermedias como Zamora ou León.

O leste e o centro peninsular terá unha ‘ponte’ coas Rías Baixas e Altas galegas, segundo informou a operadora ferroviaria nun comunicado. Os billetes para este servizo xa están a disposición dos usuarios.

Na relación Madrid, Sanxenxo, O Grove, Cangas, Bueu e Barcelona haberá 13 servizos, dous unirán Alicante e Madrid coa costa galega e un Barcelona con Cangas. En sentido inverso, dende as localidades galegas, ata Madrid e Barcelona haberá 10 relacións. A conexión entre Cangas ata Vigo en autobús e en tren ata Barcelona será diaria.

O prezo máximo do traxecto de tren máis bus entre Madrid e Sanxenxo será de 54,05 € e de 59,85 € entre Barcelona e Cangas.

O acordo tamén permitirá que Renfe e Monbus unan Madrid con Compostela ata chegar a Muros e Fisterra. Poderase viaxar por 58 € en total, billete de tren e autobús incluído e haberá dúas frecuencias diarias dende a costa galega e unha de ida dende Madrid.

 

También te puede interesar