RGPD - Cookies
Galicia

3.608 galegos menos rexistrados nas oficinas de Emprego de Galicia en marzo

O número de parados rexistrados nas oficinas de emprego de Galicia reduciuse en marzo en 3.608 persoas respecto ao mes anterior o que representa unha baixada do 1,29%, ata situarse nun total de 276.463, de acordo cos datos publicados este mércores polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

As catro provincias galegas viron reducirse o número de desempregados rexistrados no INEM en marzo e foi a de Lugo, cun 2,42%, a que rexistrou un maior descenso en termos relativos. Deste modo, hai 691 persoas menos anotadas que en febreiro, o que deixa un total de 27.858. En relación a marzo de 2013, o descenso é de 1.521 desempregados, un 5,18%.

En Pontevedra o número de rexistrados nas listas de parados baixou en 1.356 personas ate as 110.256. En relación a hai un ano a caída é de 5.051, un 4,38%. Na Coruña o descenso foi do 1,16% intermensual (1.274 persoas, ata un total de 108.133) e do 5,76% interanual (6.606 desempregados menos).

Por último, en Ourense estaban rexistrados en marzo 287 desempregados menos que en febreiro, o que representa un descenso do 0,94% e deixa un total de 30.216. En relación a marzo de 2013, a caída é do 4,87%, o que supón que hai 1.546 desempregados menos.

A lista do paro descendeu máis entre os homes (1,98%) que entre as mulleres (0,62%), de modo que son 134.467 desempregados e 141.996 desempregadas dadas de alta no Servizo Galego de Emprego, así mesmo, 17.297 parados anotados teñen menos de 25 anos, unha cifra que é un 1,46% inferior á de febreiro.

 

También te puede interesar