Ciencia y Tecnología Vigo al día

Cetmar e os seus socios no proxecto europeo Ecofishman presentan un novo sistema de xestión pesqueira

Foto: ecofishman

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto europeo ECOFISHMAN veñen de deseñar un novo sistema de xestión pesqueira en colaboración cos principais actores do sector en Europa. A proposta, que será dada a coñecer este mércores nunha conferencia internacional na sede da FAO en Roma, proporciona aos pescadores máis responsabilidade para xestionar a súa actividade e informar do seu traballo.

Dende o ano 2011 e con financiamento da Unión Europea a través do 7º Programa Marco, o consorcio ECOFISHMAN vén traballando na procura dun novo sistema de xestión pesqueira que conte co visto bo de todas as partes implicadas –pescadores, gobernos, administracións, consumidores, industrias- e que poida incidir efectivamente na xestión pesqueira europea.

O sistema proposto polos socios do proxecto aposta por simplificar a xestión. Por unha banda, as administracións públicas fixarán os obxectivos para as pesqueiras; e por outra, os profesionais da pesca serán os responsables de acadar ditos obxectivos, incorporando os seus coñecementos e necesidades, e procurando unha mellor e maior cooperación entre eles e os responsables políticos.

Ademais de considerar os aspectos ecolóxicos, económicos e sociais, as principais características deste sistema son a flexibilidade, que permite adaptarse a distintas pesqueiras, e a súa potencial aplicación no deseño de plans de xestión plurianual ou plans de descartes no marco da recentemente aprobada Política Pesqueira Común.

Xunto ao CETMAR participan neste proxecto  Matis; IPIMAR; MAPIX technologies Ltd.; Marine Scotland Science; Seafish; Eurofish; The Bitland Enterprise; University of Iceland; National Research Council / Institute of Marine Sciences; Nofima Marin; University of Tromsø; Centro de Ciências do Mar e a University of Aberdeen.

 

También te puede interesar