Galicia

Este luns ábrese o prazo para que 576 empregados públicos da Xunta tomen posesión do seu destino definitivo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recollerá este luns as ordes da Consellería de Facenda polas que se abren os prazos para que 576 empregados públicos da Xunta tomen posesión do seu destino definitivo, despois de ter superado diversos procesos selectivos convocados pola Administración Autonómica.

Todos eles pertencen ás escalas da Administración Especial e a maior parte – 343 persoas- participaron no concurso de traslados destas escalas resolto pola Xunta o pasado 10 de decembro, mentres que o resto -233 persoas- son funcionarios en destino provisional.

Os prazos de cesamento e toma de posesión abriranse simultaneamente o vindeiro martes 18 de febreiro para todos os funcionarios que obtiveron destino definitivo. Os empregados en destino provisional foron convocados a elección de destino definitivo –paso previo á toma de posesión- de forma escalonada entre o 11 de decembro o o 29 de xaneiro, unha vez que quedou resolto o concurso de traslados.

Respecto a este proceso, o concurso de traslados para a provisión de prazas de Escalas de Administración Especial resolto en decembro de 2013 ofertou case 700 prazas, no que participaron 616 empregados públicos. A anterior provisión de postos de traballo deste tipo tivera lugar no ano 2004.

Os empregados públicos que tomarán posesión do seu destino definitivo nos vindeiros días pertencen ás Escalas de arquitectos, enxeñeiros, inspectores urbanísticos, biólogos, químicos, facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, arquitectos técnicos, enxeñeiros técnicos, subinspectores urbanísticos, axudantes de arquivos, arqueólogos, topógrafos, delineantes, a de axentes facultativos ambientais e a de axentes forestais.

Os prazos posesorios son de 3 días hábiles a partir do cesamento se non implica cambio de residencia; 7 días se implica cambio de residencia; e de 20 días hábiles se implica un reingreso ao servizo activo.

 

También te puede interesar