Aumentan preto dun 5% as denuncias por violencia machista en Galicia

O 016 está disponible as 24 horas do día e non aparece no recibo do teléfono

A cifra de denuncias por violencia de xénero incrementouse en Galicia un 4,9% no terceiro trimestre do ano pasado, en relación ao mesmo período de 2012, ata situarse nas 1.379 e alcanzar as cinco denuncias por cada 10.000 mulleres.

Segundo os datos do Observatorio da Violencia Doméstica e de Xénero, adscrito ao Consello Xeral do Poder Xudicial, no terceiro trimestre de 2013 producíronse 93 renuncias a seguir adiante co proceso xudicial contra o maltratador, unha cifra que sobe un 10,7% en relación ao mesmo período do ano anterior. Deste modo, no 6,74% das denuncias, desístese posteriormente.

En toda España, fronte ao aumento galego, a cifra de denuncias por violencia de xénero se reduciu un 2,3% no terceiro trimestre de 2013 en comparación co mesmo período do ano anterior, mentres aumentou un 3,2 por cento a taxa de renuncias por cada denuncia presentada: 3.984 mulleres decidiron non seguir adiante co proceso xudicial contra o seu maltratador, un 0,9% máis que nas mesmas datas de 2012.

Segundo os datos do Observatorio, no terceiro trimestre do ano pasado presentáronse 33.050 denuncias por violencia machista nos 106 Xulgados exclusivos para estes fins (JVM) e nos 355 que contan con competencias compartidas na materia en todo o país.

No caso de Galicia, o último incremento rexistrado nos datos anuais é o de 2009, cando se produciron 6.068 denuncias, fronte ás 5.959 do ano anterior. En 2010 foron 5.270, en 2011 baixaron a 5.153 e en 2012 o ano pechou con 4.788 denuncias.

O 80,35% das denuncias foron presentados polas propias vítimas; mentres que un 12,91% derívanse de partes de lesións; outro 4,06% foron resultado de intervencións da Policía; e un 1,52% corresponde a accións de servizos asistenciais ou terceiras persoas. Os familiares interviñeron en apenas o 1,16% dos casos.

Os datos do Observatorio indican que se concederon o 65% das medidas de protección solicitadas, que foron 246 de 376 incoadas en Galicia nese período. Non obstante, resolvéronse con denegación 130, o 35%.De este modo, a cifra de peticións reduciuse un 2,3% en relación ao terceiro trimestre de 2012, mentres que as medidas de protección adoptadas igualaron as dun ano atrás.

Ademais, ditáronse 145 sentenzas nese período na comunidade, das que o 81,38% foron condenatorias (en 118 casos) e o 18,62% absolutorias. Os datos estatísticos mostran que na comunidade se investigou un homicidio neste período e que se celebraron en total 55 xuízos por faltas.

 

También te puede interesar