Comarcas

O alcalde da localidade mexicana de Aguascalientes, en Galicia para establecer lazos económicos coas Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra recibiu este luns no Pazo Provincial a unha delegación do concello mexicano de Aguascalientes, encabezada polo seu alcalde, Juan Antonio Martín del Campo, que se atopa de visita en Galicia para establecer lazos económicos e culturais coas Rías Baixas.

A delegación mexicana, que acudiu á deputación acompañada do presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán, mostrou o seu especial interese en establecer contacto con empresas españolas que poidan prestar servizos municipais no seu concello.

Nesta liña, o rexedor local destacou que “este é o momento” de investir en Aguascalientes neste sector, dado que polo momento só teñen concesionado o servizo de augas cunha empresa española e a intención é pasar á xestión indirecta outros, como o de recollida e tratamento de lixo ou o de subministración eléctrica.

Máis alá deste campo de colaboración, a delegación mexicana busca “comezar a abrir o camiño” para unha maior relación comercial e cultural entre o seu municipio e as Rías Baixas.

Con este obxectivo, estableceuse unha axenda con encontros en Cambados con representantes de sectores estratéxicos, como o presidente da Denominación de Orixe Rías Baixas, responsables da Federación de Comerciantes de Arousa e representantes do sector turístico, liñas todas elas nas que se pretende promover o intercambio comercial; ademais de coñecer sectores como o acuícola, o conservero ou o agroalimentario, entre outros.

Trátase, segundo o presidente da Deputación, Rafael Louzán, de que poidan coñecer o que as Rías Baixas pode ofrecer para “establecer lazos comerciais” cunha das cidades que máis medrou nos últimos anos e que posúe un gran potencial para os investimentos, con preto dun millón de habitantes e só un 4,5% de paro.

 

También te puede interesar