Galicia

Máis de 5.000 Afectados polas Preferentes maniféstanse en Lugo coincidindo co San Froilán

Máis de 5.000 Afectados pola compra de Preferentes , procedentes de toda Galicia, manifestáronse este sábado en Lugo, coincidindo coa celebración da Festa de San Froilán, para reclamar a devolución do seu diñeiro, máis de 600 millóns de euros, segundo sinalaron varios dos voceiros das 18 plataformas galegas.

A ritmo de gaita transcorreu a marcha – que saiu e rematou na sede do goberno galego, na Ronda da Muralla -na que corearon lemas reivindicando a devolución “íntegra” dos seus aforros, na súa maioría dirixidas aos gobernos do Estado e da Xunta, como –coa música da Rianxeira- “Chourizos veñen, chourizos veñen e van, coidadiño coas carteiras, que non-as queren roubar. Xa estamos ata o carallo, de pedi-los nosos cartos, gaña-los custou traballo, para que veñan a roubalos!”.

A masiva afluencia – ate a cidade bimilenaria chegaron máis de vinte autocares-provocou pequenas retencións, que foron controladas pola policía local.

Algunha das decenas de pancartas que portaban os manifestantes exhibían fotos de Rajoy e Feijóo, xunto a lemas como ‘Rajoy covarde, España está que arde’ ou ‘Moito pensar para roubar’. A principal, que portaban os voceiros das plataformas galegas, leíase ‘Goberno-Novagaliciabanco-FROB. Non ao negocio cos aforros dous afectados galegos. Devolución do cen por cen antes de vender’.

 

También te puede interesar