Vigo al minuto

Empregados de limpeza do Xeral, á folga indefinida se, finalmente, se lles aplica o convenio provincial

Empregados da limpeza do Xeral durante unha das protestas diarias/Tresyuno Comunicación

Empregados da concesionaria do servizo de limpeza do hospital Xeral-Cíes de Vigo aprobaron este venres, de xeito maioritario, a convocatoria de folga indefinida no caso de que Clece, que vén de gañar o concurso tras 24 anos a cargo de Limpiezas Faro, non dea marcha atrás na súa intención da aplicar o convenio provincial. Ao mesmo tempo, decidiron manter as mobilizacións que desenvolven todos os días no centro médico en horario de mañá e tarde.

Os representantes sindicais convocaron aos empregados e empregadas para trasladarlles o anuncio da concesionaria acollerse ao artigo 41 da reforma laboral de modificación substancial das condicións de traballo e aplicar o convenio provincial de Limpeza de Edificios Locais no caso de que non aceptasen asinar un convenio de empresa con vixencia a partir do 1 de xaneiro de 2014. A proposta de Clece inclúe a eliminación dos pluses de vacacións, incapacidade temporal e IPC, así como dos nove días moscosos.

“Ante a negativa da parte social a empresa opta entón pola aplicación do convenio provincial, que supón perder a equiparación co grupo D do Sergas – celadores, pinches, auxiliares de enfermería – e tradúcese nunha rebaixa salarial e no empeoramento das condicións laboráis”.

Na asemblea celebrada no centro médico vigués, ademais da convocatoria de folga, que se concretará no caso de que non se produzan avances na xuntanza deste martes coa empresa, os operarios tamén acordaron manter as protestas que desenvolven a diario de 10.00 a 10.30 e de 18.00 a 18.30 no hospital Xeral, así como non acudir á asemblea convocada pola dirección de Clece.

 

También te puede interesar