RGPD - Cookies
Comarcas

Un total de 37 estacións de autobuses, entre elas 11 de Pontevedra, en obras pasado o verán

A Consellería de Infraestruturas licitará despois do verán un conxunto de melloras para executar de xeito inmediato en 37 estacións de autobuses galegas – entre elas as de A Estrada, Cangas, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Gondomar, Lalín, Ponteareas, Pontevedra e Vigo – mediante unha achega económica de preto de 1,6 millóns de euros.

Así o manifestou hoxe o conselleiro Agustín Hernández, na rolda de prensa na que presentou os investimentos do Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia, un programa  plurianual para o período 2013-2016 que consta dun orzamento de máis de 4,2 millóns de euros, dos que os primeiros 1,6 millóns activaranse este mesmo ano.

Entre as accións máis inmediatas cabe destacar a mellora na calidade das instalacións, realizando os arranxos ou optimizacións precisas en cubertas e paramentos, patios de manobra, escaleiras mecánicas ou ascensores, segundo as necesidades que precise cada estación. No Plan tamén se contemplan outras accións que melloren estas infraestruturas de transporte como pintado de estruturas e paredes ou substitución de asentos.

Hernández salientou que ademais se potenciará a accesibilidade, atendendo ás necesidades das persoas con mobilidade reducida non caso de que as instalacións non estean adaptadas, de conformidade cos requisitos do deseño urbano para todos.

Este conxunto de actuacións a licitar tras o verán tamén inclúe a mellora da información aos usuarios, tanto nas propias estacións como nas rutas mediante a mellora de sinalización e paneis informativos sobre os dereitos dos viaxeiros de autobús.

Co fin de proporcionar novos usos nas estacións de autobuses para fomentar o seu aproveitamento polos cidasdáns, a Xunta dará facilidades para a instalación de espazos WiFi gratuítos, espazos de lecer e a ocupación dos locais mediante oficinas municipais, de información turística, expositores de artesanía local ou ONG´s. Tamén se traballará na consecución de estacións de autobuses coma meeting point, punto de encontro das excursións turísticas.

Actuacións dos concesionarios

Estas obras previstas pola Xunta complementaranse con todas aquelas accións de mellora que lles corresponda acometer  ás concesionarias de cada estación, tal e como establece o contrato concesional.

Deste xeito, as empresas encargadas da xestión destes espazos deberán encargarse das accións relacionadas co correcto mantemento e conservación das instalacións e reparar os espazos cuxo deterioro teña que ver con esa falta de mantemento, tales como servizos hixiénicos, limpeza e alumeado de dársenas e instalacións comúns, estado do patio de manobras, entre outras cuestións.

Así se fixo este ano, sinalou o conselleiro, por exemplo, na estación de autobuses de Vigo, onde a empresa concesionaria acometeu, a instancias da consellería, a reparación de ascensores, a instalación de novas portas automáticas, a mellora da iluminación e a renovación de sinalización, así como a eliminación de pintadas e o adecentamento de espazos.

 

También te puede interesar