RGPD - Cookies
Ciencia y Tecnología

Xa é posible consultar preto da totalidade do currículo do Bacharelato no EspazoAbalar

A Consellería de Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de publicar 37 novas materias e 483 temas de bacharelato no espazo Abalar. Coa incorporación destes novos contidos ponse a disposición da cidadanía, de forma totalmente gratuíta, a práctica totalidade do currículo de bacharelato, do que tan só quedarían pendentes de incorporar algunhas unidades didácticas de materias optativas e modais.

O material publicado utilízase na modalidade a distancia do Bacharelato impartido no IES San Clemente e cada unidade didáctica está estruturada nos apartados de apuntes, exercicios documentais, exercicios de reforzo, comentario de texto ou dun mapa, e resumo. Están elaboradas en formato .PDF e integradas en bloques coa ferramenta de autor exelearning.

Así mesmo, na opción de descarga de cada tema está incluído un arquivo de extensión .ELP para poder editar cada paquete con esta ferramenta. Adicionalmente, pódese descargar un arquivo en formato .ZIP para restaurar o temario completo nun aula virtual Moodle.

Preto de 1.900 contidos dixitais

No curso 2012-2013 publicáronse no espazo Abalar preto de 800 contidos dixitais  o dobre que no curso anterior e a día de hoxe suman preto de 1.900 realizados con distintas ferramentas de autor e baseados en distintas tecnoloxías.

Por niveis educativo, 54 dos recursos de educación infantil, 845 de primaria, 460 de secundaria, 525 de bacharelato e 12 de Formación Profesional. As linguas nos que están dispoñibles son galego, castelán, inglés, francés, portugués, alemán e italiano.

O repositorio estase a consolidar como o punto de encontro da comunidade educativa na rede, xa que desde que comezara a funcionar, en novembro de 2010, os usuarios do portal espazoAbalar teñen realizado 1.650.000 descargas, 150.000 delas no último mes

O espazo Abalar, é unha iniciativa que ten coma obxectivo fomentar o uso das tecnoloxías da información e comunicación no proceso de ensino-aprendizaxe, que se quere impulsar coa incorporación constante de novos contidos como o currículo de bacharelato.

Con esta nova publicación os docentes poden incorporar as unidades didácticas á aula virtual do seu centro, adaptando a temporalidade, os contidos, as actividades, etc. para a aula ou o para seu uso fóra da mesma.

Así mesmo, facilita a participación activa do alumnado no seu propio proceso de aprendizaxe e para aqueles estudantes que, por enfermidade non poden asistir a clase, permite estar en contacto co profesorado e supervisar os contidos que se van impartindo en cada sesión, así como participar co envío das tarefas.

Ademais, estes novos contidos permitirán, en moitos casos, a «utilización unicamente de material dixital con carácter gratuíto por parte do estudante, cos conseguintes aforros  para as familias».

 

También te puede interesar