Deportes

A galega Lúa Piñeiro quédase a un paso das medallas no Mundial de Taekwondo

A galega Lúa Piñeiro, que competía na categoría de menos de 67 quilogramos, quedou só a un paso das medallas no Campionato do Mundo de Taekwondo, que se está a celebrar estes días na cidade mexicana de Puebla. A deportista galega superou os dous primeiros combates, contra durísimas rivais, pero perdeu fronte á representante de China Taipei no asalto ás semifinais (3-2).

Lúa comezou o campionato cunha complicada contrincante, a taekwondista mexicana Victoria Támez. Contar co apoio do público é moi importante, pero Lúa está nun moi bo momento de forma e non se deixou impresionar polo ambiente nas gradas, e foi por diante durante todo o combate. Rematou o primeiro asalto cun punto de vantaxe (3-4), o segundo rematou 5-4 e o terceiro e último finalizou con 8-6 para a galega.

Nos oitavos de final enfrontouse á iraní Izadi Shokrareh e foi un duro combate que tivo que decidirse no punto de ouro, onde a galega foi a mellor. E así, xa estaba nos cuartos onde, inicialmente, pensaba enfrontarse á número 1 do ranking, a turca Nur Tatur, pero houbo sorpresa. Chia Chia Chuang eliminou á campioa do mundo tamén nun apertado combate (punto de ouro) e logrou o paso na eliminatoria para enfrontarse á galega. E neste transcendental choque, Lúa volveu a plantar cara e fixo un combate moi serio, pero finalmente caeu por un axustado 3-2. E así, escapóuselle a posibilidade de acadar unha medalla a Lúa, que fixo un grandísimo campionato.

 

También te puede interesar