Aberto ate o día 18 o prazo para oposicións a Administración Especial da Xunta

A Dirección Xeral da Función Pública manterá aberto ata o xoves 18 de xullo o prazo de inscrición para participar en distintos procesos selectivos para o acceso ás escalas da administración especial da Xunta.

Estas convocatorias, publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 28 de xuño, ofertan un total de 61 prazas. Cumprindo coa normativa vixente, cinco das prazas ofertadas nestas convocatorias están reservadas para persoas con discapacidade.

Estes procesos inclúen prazas de persoal especializado en distintos ámbitos da Administración autonómica, entre as que destacan as relativas ás escalas de arquitectos, enxeñeiros industriais, biólogos ou inspectores urbanísticos.

Desta maneira, están convocadas 16 prazas para arquitectos, 14 para enxeñeiros industriais, 7 para inspectores urbanísticos e 5 para biólogos, todas elas pertencentes ao subgrupo A1 da Xunta de Galicia.

Ademais, a Administración galega oferta outras 10 prazas no subgrupo A2, das que 8 son para axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, e 2 para enxeñeiros técnicos industriais; mentres que no subgrupo C1 ofértase 1 praza en subinspección de consumo.

En conxunto, a Xunta convocou 53 prazas por oposición libre, das que 27 son de acceso libre e outras 26 a través de promoción interna. As prazas reservadas para promoción interna que non se cubran acumularanse á quenda de acceso libre.

Ademais, a Xunta tamén oferta polo sistema de concurso-oposición 8 prazas, co obxectivo de potenciar a estabilidade no emprego público. Destas prazas, 4 correspóndense ao subgrupo A1 (escalas de enxeñeiros industriais e biólogos) e outras 4 ao subgrupo A2 (enxeñeiros técnicos industriais e axudantes de arquivos, bibliotecas e museos).

 

También te puede interesar