Vigo al minuto

O Bloque pide a Caballero que axilice a execución do Plan Social e o faga por 3,2 millóns

A portavoz municipal do BNG, esixíu este martes un “esforzo” ao goberno vigués para axilizar a execución do plan de compensación contra a crise e que os prazos sexan “o máis reducidos posible”, dada a grave situación pola que atravesan moitas familias. Iolanda Veloso tamén demandou explicacións ao goberno local sobre a diferenza entre as axudas aprobadas o pasado venres, 2.650.000 millóns, e a cantidade aprobada no pleno, 3,2 millóns.

A concelleira nacionalista salientou que este plan é unha das iniciativas propostas polo BNG para paliar as consecuencias da crise económica. “Se miramos arredor vemos que hai moitas persoas que pasan auténticas penurias e que non teñen ningún tipo de ingresos. Pensamos que, dado que os recortes do goberno central e da Xunta son tan tremendos e as cifras de desemprego tan altas, que era necesario que desde este Concello se dedicaran estas partidas a estas persoas”, explicou.

Precisamente dada esta situación, a portavoz municipal do BNG criticou a tardanza do goberno local en aprobar estas axudas. Para a nacionalista “o problema non é que o BNG agarde desde hai 6 meses, senón que hai moitas persoas qua agardan eses cartos para poder comer”.

Para Iolanda Veloso, esta tardanza na tramitación do plan “demostra que a capacidade de xestión do goberno local é limitada, porque chega ata onde chega”. Neste sentido sinalou que hai que insistir”, tanto o BNG como os movementos sociais, para que o goberno de Caballero xestione o realmente importante. “O goberno local actualmente dá para que teñamos que andar detrás deles para executar as cousas máis importantes”, destacou.

“Tendo como prioridade que as persoas reciban os cartos que precisan, agardamos que os prazos se axilicen”. Ao respecto sinalou que as bases son simples, posto que se eliminou o baremo, e que mentres hai un prazo de 15 días para facer as solicitudes, as bases contemplan ata 3 meses para resolvelas. “As condicións deben servir para que se executen o máis rápido posible”, afirmou.

Malia que a portavoz nacionalista recoñeceu que este é un plan “de envergadura que non se atopa noutro concello”, asegurou que “sabemos que se pode facer”. Así, lembrou o programa de axudas directas posto en marcha desde a Tenencia de Alcaldía no anterior mandato, cunha contía total de 3,2 millóns, e que nos meses de abril e maio xa estaba resolto. “Hai experiencias previas que demostran que si se pode xestionar máis áxil, como demostramos nós. Pero sabemos que se gobernara o PP non falariamos deste plan nin existiría esta partida”, asegurou.

Por outro lado, a portavoz do Bloque fixo referencia ás cantidades aprobadas en xunta de goberno o pasado venres, 2,450 millóns para axudas e 200.000 € para comedores. “Se sumamos vemos que non hai que ser catedrático en Economía nin premio Nobel para ver que non dan 3,2 millóns”, comentou a nacionalista ao tempo que destacou que o BNG “solicitará informacións sobre eses cartos”.

Iolanda Veloso explicou que eses cartos non están en ningunha das bases, “polo que pedimos ao goberno local que explique a diferenza”. Ademais de reclamar a execución íntegra do programa, lembrou que mesmo o goberno local insistíu en que se executaría a cantidade global tal e como está recollida nos orzamentos.

 

También te puede interesar