RGPD - Cookies
Comarcas

Iniciativa parlamentaria contra o pecha da Escola Unitaria de Taborda, en Tomiño

Alternativa Galega de Esquerda, a iniciativa de Esquerda Unida de Tomiño, presentou unha iniciativa parlamentaria para esixir que se manteña aberta a escola unitaria de Taborda para os vindeiros cursos académicos e dar así resposta ás necesidades educativas do Concello de Tomiño, despois de que a consellería de Educación comunicara o peche de dúas unitarias do CRA Mestre Manuel Garcés, Taborda e Piñeiro, unha decisión que causou sorpresa e supón un golpe para a comunidade educativa afectada.

A unitaria de Taborda ten este curso 8 alumnos matriculados e 5 novas familias teñen reservado praza para os seus fillos para o vindeiro ano académico, o que implica que o centro poda contar de novo con 8 alumnos/as matriculados, ao igual que no presente curso. Segundo as previsións do propio centro, para o curso 2014-2015, sumarían catro matrículas mais, o que situaría a unitaria de Taborda nos dez alumnos.

Por este motivo, a decisión do peche da escola da parroquia de Taborda carece de sentido e non responde aos criterios que a propia Consellería ten establecido tal e como destacan desde o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda, ademais de  constituír un agravio comparativo dada a existencia de centros cun número menor en todo o país.

Por outro lado, o centro de destino do alumnado procedente das dúas unitarias que a Consellería de Educación ten pensado pechar, O CEIP de Sobrada, ten superado a súa capacidade e dispoñibilidade de espazos, cun total de 190 alumnos e alumnas na actualidade. De feito o alumnado de Educación Infantil do CEIP de Sobrada, ten que cruzar a estrada que separa as súas instalacións do edificio principal en repetidas  ocasións ao longo do día, incumprindo a normativa vixente e sometendo a un risco importante a alumnado que hai que lembrar ten entre dos tres aos seis anos.

O CRA Mestre Manuel Garcés é un centro rural agrupado integrado por 14 escolas unitarias que atende a 152 nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria. As 14 unitarias atópanse diseminadas polas diferentes parroquias do concello, dando así resposta ás necesidades de escolarización dunha comarca de carácter eminentemente rural.As unitarias que compoñen o CRA Mestre Manuel Garcés resultan unha ferramenta fundamental para atender a poboación escolar do Concello de Tomiño, mais tamén para garantir a conciliación familiar e laboral das familias nunha zona cunha importante dispersión poboacional.

 

También te puede interesar