Comarcas

A Policía Autonómica detén a tres presuntos autores de incendios en Redondela e O Rosal

A Policía Autonómica vén de informar da detención de tres homes como presuntos autores de incendios forestais nos concellos pontevedreses do Rosal e Redondela e no de Cedeira, na Coruña.

As dúas primeiras detencións fixéronse efectivas por axentes da xefatura local de Vigo, en colaboración co persoal do Distrito Forestal XVIII (Vigo-Baixo Miño). No Rosal o incendio produciuse na parroquia de San Xoán de Tabagón o pasado 24 de maio e afectou a 2.300 metros cadrados de monte arborado.

Pola súa banda, o lume de Redondela foi o sábado 25 de maio e afectou a unha superficie de 200 metros cadrados de monte arborado na parroquia de Chapela. Tanto este como o anterior foron causados por imprudencias na realización de queimas de restos forestais amoreados. As dilixencias foron remitidas aos xulgados de instrución nº1 de Redondela e Tui, respectivamente.

Lume en Cedeira

Así mesmo, funcionarios do grupo de investigación de incendios da Xefatura Provincial da Coruña, en colaboración co persoal do Distrito Forestal I de Ferrol, tramitaron dilixencias remitidas ao Xulgado de Instrución de garda de Ortigueira por un delito de incendio forestal por parte dun veciño de Cedeira.

O lume que se lle imputa tivo lugar o pasado luns, 27 de maio, como consecuencia dunha queima imprudente de restos de eucalipto amoreados. O imputado realizou a queima só e sen manter as medidas de seguridade preceptivas, ocasionando que as lapas se propagasen por uns terreos lindantes. O lume afectou a 800 metros cadrados de arborado e 100 de raso, non chegando a máis pola rápida actuación dos servizos de extinción de incendios da Xunta de Galicia.

Tras estas detencións, o número de detidos pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais se eleva a  45 persoas.

 

También te puede interesar