RGPD - Cookies
Galicia

Un xulgado de Carballiño sentencia que NGB ten que devolver 73.000 € de Preferentes pola nulidade dos contratos

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número dous de O Carballiño ven de condenar a Novagalicia Banco a devolver case 72.960 € euros, “máis o interese legal, e o pago das costas” a un matrimonio e a súa filla, titulares de preferentes e subordinadas, logo de declarar nulos os contratos asinados polos aforradores e a entidade.

A sentenza, estima «a nulidade dos contratos, ordes ou operacións» coas que se adxudicaron aos tres demandantes estes productos que, subliña «son de alto risco». Por elo, a entidade debe devolver aos clientes 72.960 €, mentres que estes deben reintegrar o banco 5.973  que se corresponden cos rendementos percibidos estes anos.

Esta sentenza é a de maior contía en contra de Novagalicia Banco e da a razón a esta parella, que emigrou a Alemaña, e que gardara os seus aforros no que fora, primeiro Caixa Ourense, logo Caixanova e, finalmente NCG Banco.

O primeiro dos contratos, de 2003, si está asinado, aínda que a sentenza indica que o documento é «unha orde de subscrición de valores, non un contrato no que se detallen as características do produto concreto contratado e os seus riscos». Conclúe que aos clientes «non lles constaba» a natureza do produto.

Nas outras dúas operacións, o xuíz sinala que non hai «nin a máis mínima dúbida de que as mesmas non foron verdadeiramente consentidas por ningún dos demandantes». A entidade, resalta, «non achegou nin a máis mínima proba de que se informase os actores das características do produto ou de que se lles fixese o test de conveniencia”. Tampouco se presentou «ningún contrato nin orde de subscrición de valores asinada por ningún dos demandantes».

A sentenza, contra a que aínda cabe recurso, chama a atención tamén acerca de que no extracto de posicións «non se fala de participacións preferentes e obrigas subordinadas», senón que aparecen unhas denominacións –PT. Caixanova 05-05, por exemplo– para as que «os demandantes tiñan que usar intérprete».

 

También te puede interesar