Vigo al minuto

O naval vigués retoma as mobilizacións en defensa do sector

Un momento de la protesta frente al edificio administrativo de la Xunta, este jueves

Traballadores e delegados sindicais do sector naval da Ría de Vigo volveron a saír este xoves á rúa para denunciar a parálise do sector e a perda de case 11.000 postos de traballo directos dende 2008, o que representa o 80% do emprego dunha industria que chegou a ocupar a unhas 14.000 persoas. Dende as centrais CIG, CCOO e UGT anunciaron a posta en marcha dunha campaña de sensibilización social que incluirá distintas mobilizacións.

Máis dun cento de persoas participaron na asemblea convocada polos tres sindicatos maioritarios para analizar a problemática que atravesa unha industria que arrastra “dous anos de parálise total”.

Na xuntanza decidiuse a posta en marcha dunha campaña de sensibilización social que incluirá reparto de folletos informativos entre a veciñanza e mobilizacións.

No caso do emprego indirecto as cifras son aínda moito máis demoledoras, xa que se calcula que se perderon arredor de 27.000 postos de traballo, o que constitúe o 50% da destrución de emprego na comarca viguesa.

Diante disto, as tres centrais coinciden na necesidade de retomar as mobilizacións, para o que é necesario facer previamente un traballo de reagrupamento do sector.

A campaña incluirá tamén o sinalamento dos culpábeis da grave crise que atravesa o naval: tanto as distintas administracións públicas como a patronal do sector, á que acusaron de pregarse aos intereses dos gobernos.

Neste senso, reclaman unha solución para a problemática de retroactividade do tax lease (que obrigaría ás empresas a devolver as axudas) e a garantir o financiamento dos proxectos mediante a recapitalización de Pymar ou creando un fondo de garantía galego.

Unha vez rematada a asemblea, os participantes desprazáronse até a delegación da Xunta na cidade, onde despregaron unha faixa en defensa do “futuro industrial de Vigo” e berraron consignas reclamando carga de traballo e a implicación do Goberno galego na crise do sector.

También te puede interesar