RGPD - Cookies
Comarcas

12 persoas con discapacidade comezan un curso de formación profesional de Cogami

O vindeiro luns, día 4, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia un curso de formación profesional de Ofimática Básica, que financia a Xunta e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional, para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega.

Un total de 12 persoas, 9 homes e 3 mulleres, son as que van iniciar esta acción formativa de 340 horas lectivas presenciais impartidas de luns a xoves en horario de 16:30 a 20:30 horas nas instalacións que COGAMI ten en O Rebullón -dentro das instalacións do Hospital Psiquiátrico-.

Ata o mes de xullo, o alumnado terá que prepararse en temas como sistema operativo, tratamento de textos, folla de cálculo, Internet, presentacións gráficas e mecanografía.

Con este, son 17 os cursos de formación profesional que a Confederación vai impartir neste ano co fin de preparar e especializar nunha profesión ás persoas que forman parte do colectivo que representa, para que estea preparado para a inserción ao mercado laboral e conseguir, finalmente, a súa inclusión dentro da sociedade.

De feito, este ano como novidade, COGAMI vai por en marcha unha nova plataforma de formación baseada no moodle e que a entidade personalizou e adaptou para o seu colectivo. Esta plataforma vai lograr impulsar a formación a distancia, permitindo que as persoas do rural poidan ter as mesmas oportunidades formativas que as demais.

También te puede interesar