Galicia

O Supremo admite a trámite o recurso de Galicia Bilingüe contra o ‘decreto do plurilingüismo’

O Tribunal Supremo admitiu a trámite o recurso presentado por Galicia Bilingüe contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia  (TSXG) que desestima o seu recurso contra co decreto do plurilingüismo.

Segundo informa nun comunicado, Galicia Bilingüe recibiu este mércores a notificación de que o seu recurso contra a sentenza desestimatoria foi admitido a trámite, que se basea en sentenzas do propio tribunal e na doutrina do TC para reclamar “o dereito a recibir o ensino en lingua materna ata os 8 anos”.

O TSXG rexeitou os argumentos da entidade presidida por Gloria Lago, ao entender que non existe unha “exclusión do castelán nin se conculca o principio de cooficialidade”. Ademais, na súa sentenza argumentaba que a Administración educativa “non pode abdicar” da obriga recollida no artigo 5 do Estatuto de Autonomía “que impón aos poderes públicos normalizar o uso do galego dentro da súa esfera de competencias”, engade.

Por outra banda, sobre a consulta aos pais, entende que os motivos que alega a asociación quedan baleiros de “contido” tras o fallo do TSXG anulando a citada consulta por entender que a administración educativa non pode someter a votación “un aspecto tan fundamental como a lingua“, engade.

 

También te puede interesar