Galicia

Vilamor, de Fonsagrada a Cannes

O equipo da película Vilamor, incluídos produtores, director e actores principais, levan varios días en Cannes, onde promocionan a película no entorno do Festival de Cine e negocian no Marché du Film con distribuidores e compradores do mercado audiovisual de todo o mundo.

A proxección que se realizou en Cannes da película tivo unha especial boa acollida entre os compradores do mercado latinoamericano, que consideran que Vilamor é unha boa historia para os espectadores dos seus respectivos países. Así, estase a deseñar unha estratexia de lanzamento para as salas comerciais de Arxentina e Brasil, que manterá a esencia da Caravana Vilamor. Tamén asistiron á proxección compradores de varios países europeos e asiáticos que mostraron o seu interese pola película, e cos que a produtora Vía Láctea Filmes está a iniciar negociacións para a súa venda.

Foi tamén unha ocasión para estar con outros galegos internacionais, os responsables da distribuidora Filmax, Julio e Carlos Fernández, que valoraron a Caravana Vilamor como unha iniciativa emprendedora e efectiva para levar espectadores ao cine, e un xeito único e innovador de promocionar un filme. Por este motivo, ábrelle as portas ao mercado catalán coa intención de trasladar alí o éxito acadado en Galicia.

 

También te puede interesar